Opinión

"Volaré, oh, oh!"

Non hai maneira, sigo enganándome coma sempre cando chegan estas datas nas que poder coller uns días de descanso e tamén coller algún avión que me leve a non sei onde, porque aí xustamente radica o problema, o de coller o avión. 

Sempre fago a mesma xogada, vou demorando todo o que podo a decisión última botándolle a culpa ás previsións meteorolóxicas, porque, iso sí, non hai nada que máis me amole que percorrer non sei cantos centos de quilómetros para atoparme coa maldita ou bendita chuvia, da que polo momento e por estes lares imos ben servidos; pero cando xa me atopo fronte ao televisor coa crúa realidade dun mapa cheo de soles, e polo tanto xa non teño excusa, é cando empezo a buscar outras vías de escape, tal como queixarme do carísimos que se puxeron os billetes ou de que soamente quedan hoteis ubicados no quinto piñeiro, aos que este outro Piñeiro non ten ganas de ir para pasar o día metido no metro á hora de desprazarse aos lugares de interese. Para iso quedo na casiña, que tampouco se está tan mal e é, por certo, onde queda a maior parte da poboación que non ten estas estúpidas dúbidas existenciais. 

Como ben comprobades o tema do avión segue aí presente por moitas veces que teña subido nesas latas supersónicas, e xúrovos que teño unhas ganiñas tolas de que acaben dunha vez o ditoso AVE para moverme polo territorio hispano tocando terra, porque o dos aeroportos, os despegues, as aterraxes, os ruídos dos motores e as turbulencias sigoos levando bastante mal, aínda que xa teña cruzado o charco e boa parte de Europa bastantes veces, nalgunha delas con sobresalto incluído; e iso que aínda non me tocou vivir esa situación que non quero nin imaxinar de cando o piloto decide intentar dúas ou tres veces tocar terra sen conseguilo, en días como os pasados nos que as borrascas “Félix” e  “Giselle” fixeron que moitos pasaxeiros con destino nalgúns dos aeroportos do norte se plantexasen volver voar. 

E por se fora pouco, isto de ir en avión a verdade é que perdeu todo aquel glamour que se lle supoñía; hoxe na maioría das ocasións a sensación é a mesma que cando viaxabas diariamente no Villalón para ir estudiar a Ourense, coa única diferencia de que agora non vas rodeado daquela inmensa nube de fumo provocada por todos os “pitos” e mesmo puros que moitos fumaban entre Taboadela e o Alto do Cumial. Pero os asentos son igual de apretados e os cacahuetes, se os queres, tés que levalos da casa. Ata hai ben pouco todas as compañías aéreas tíñanche entretido con eses pequenos refrixerios que che facían a viaxe máis levadeira, agora tamén, soamente que pasando por caixa, cousa que a maioría dos pasaxeiros pasan de facer. Por algo son voos “low cost” e non vas gastar o que aforraches previamente sacando o billete con non sei cantos meses de antelación. E digo isto porque coa miña manía de deixar todo para o último día xa pago eu a diferencia de todos os previsores; e dame a impresión de que isto xa non ten moita solución, está claro que alguén ten que ser o “primo” que compense as gangas, e ese debo de ser eu e algúns “paganinis” máis coma min.

Te puede interesar