Opinión

Volve a sesión vermú

Pois aí estamos de novo, a partir deste luns os mediodías volven ser para min motivo de alegría e de comunicación cos meus oíntes; volvemos á Radio Galega coa nosa "Sesión Vermú", se cabe máis cargada de bombo, xa que nesta nova tempada vou contar coa inestimábel colaboración do excelente comunicador e showman Carlos Jiménez, que se incorpora ás mañáns da radio pública despois de varios anos amenizando o exitoso "Galicia en Goles". É gratificante recuperar a un amigo que xa participara varias veces no "Mentireiro Verdadeiro" do "Supermartes".

Tiven a oportunidade de falar este verán con moitos amigos camioneiros, transportistas e viaxantes que non soamente son fieis ao "Bamboleo", programa do que tamén comezamos a gravar novas entregas para as noites dos sábados, senón que tamén se confesan seareiros do noso programa radiofónico mentres circulan polas estradas da nosa comunidade, confesando que lle facemos alegre compaña. A radio é un medio directo e participativo, no que os oíntes teñen sempre a palabra para opinar, relacionarse e sentir que hai alguén aí á súa veira. Eu mesmo son un gran consumidor de radio, sobre todo  nesas horas nocturnas do durme-vela, onde gusto de escoitar aos compañeiros de informativos, deportes, e mesmo ao sempre estupendo Antón Rebollido co seu "Milenio" esotérico e impactante. 

Pois volve a "Sesión Vermú" da que se cumpren 25 anos da súa posta en marcha, alá polo 92 cando eu comezaba unha aventura que me levou por diferentes emisoras ata volver á casa "nai" que un día me acolleu e me permitíu chegar a ducias de miles de oíntes e mesmo lograr liderazgos absolutos de audiencia a esas horas do mediodía; e con ese obxectivo comezamos unha nova tempada ilusionante na que coma sempre contaremos con todos os artistas galegos, cos protagonistas de todos os programas e series da nosa televisión, con "Os Entendidos" Zequiel e Milincho que conseguiron e conseguirán seguir facendo que cada xoves os nosos oíntes escachen coa risa polas súas ocorrencias, e con todos aqueles amigos, populares ou anónimos, que coas súas intervencións enriquecerán o producto. Un programa onde as chamadas dos oíntes para falar do divino e do humano seguirán sendo o sinal de identidade, e onde se presentarán os discos e os espectáculos dos nosos cantantes e artistas, porque temos que ser o gran escaparate que moitos deles precisan para darlle altavoz a tanta creatividade que anda solta polo mundo; desde xente ben consagrada a todos aqueles e aquelas que precisan un primeiro empurrón para darse a coñecer; así ten que ser unha radio pública que aposta por todos os que fan País. 

Comezaremos este luns coa visita no estudio do gran Roi Casal, que non para de percorrer Galicia co seu espectáculo "Son Galego Son Cubano", colleitando por segundo ano consecutivo un grande éxito e que a bó seguro o levará a ter que prolongar a xira unha terceira tempada para poder chegar a todos os lugares desde onde é reclamado, mentres pensa xa en novos proxectos discográficos e artísticos.

Será todo un luxo para un día de estrea de tempada e, como sempre, desde este luns ás doce do mediodía conto con toda a miña "parroquia", incluídos os amables lectores de La Región e Atlántico Diario, para vivir esta e moitas outras xornadas de radio participativa, lúdica, pedagóxica e en galego.

Te puede interesar