Opinión

Wöyza

Máis dun seguidor desta estupenda artista moañesa se sorprenderá de que hoxe lle dedique este artigo; máis que nada porque seguramente non me ven dentro do tipo de música pola que ela navega, o HipHop-Soul ou o R&B; pero podo asegurarvos que cando a vexo cantar declárome seareiro incondicional. O seu directo na Gala do 25 de Xullo da TVG xunto á universal ourensá Cristina Pato foi deses momentos que quedan para a historia da televisión, cunha sensibilidade, unha valentía e unha dozura que rozou o sublime.

Eu tiña oído falar de Wöyza hai uns anos a algún dos amigos vigueses que se moven polo mundo do hip hop, pero foi nun concerto de “El Puto Coke” no Teatro García Barbón cando a descubrín, e desde aquela sígolle os pasos e por suposto trato de convencer a quen sexa para que forme parte do elenco  de artistas do “Bamboleo”. Unha proposta musical tan persoal e contundente ten que estar necesariamente nos fogares de todos os galegos, non soamente dos privilexiados que poden escoitala nos concertos que dá por toda a xeografía, desde o seu paso polo BurgasFest de Ourense no 2014 ata os máis recentes do “Albariño” de Cambados, o “Apóstolo” de Compostela ou o “San Froilán” de Lugo, por citar algunhas das prazas nas que sentou cátedra esta tímida muller que cando entra en escea ponnos os pelos de punta, sexa actuando en solitario ou sexa acompañada de artistas como Nasch, Dealema, Dani Reus ou Rapsusklei e os polacos L.U.C. cos que comparte video de obrigada visión en YouTube, o “Rebel Babel”.

Wöyza non naceu onte, aínda que sexa moi nova, esta rapaza de orixes uruguaias e criada en Vigozoo, como ela dí, sempre tivo moi claro o que quería facer e os camiños a seguir para conseguilo; porque antes das exitosas xiras que agora fai e que mesmo a levan ata terras mexicanas, breouse moito en varios grupos de soul e rap ata chegar a ser esa artista que elixe chamarse Wöyza porque iso significa para ela liberdade, paz, amor, identidade de creación e, á súa vez, espírito de escravitude.

Os que saben disto dín que co seu novo traballo “Pelea” é quen de envolvernos coa súa marabillosa voz e transportanos á pura esencia do hip hop soul americano máis auténtico. Eu confeso que ata aí non chego nos meus coñecementos do tema, pero ata onde chego con toda seguridade é a afirmar que en cancións como a que dá título ao disco ou con “Me encuentro bien” manifesta ese afán de autosuperación, independencia e sensualidade do que moitos especialistas falan. E o que tamén podo afirmar é que coas poucas veces que estivemos xuntos temos unha química especial e un respecto polo traballo do outro que se agradece de veras.

No medio de tanta mediocridade envexosa que ás veces nos rodea, sempre é gratificante atoparte cos sopros de aire fresco que che aportan estas novas xeracións de artistas que son quen de loitar polas súas propostas de rabiosa actualidade sen deixar de valorar o traballo dos demáis por moi diferente que sexa ao seu. Iso aínda os engrandece máis.

Pois grandes como ela ou como a sempre estupenda Soraya, outra loitadora incombustible, estarán hoxe no “Bamboleo”, para que entre tanto sobresalto informativo podamos relaxarnos un chisco, que boa falta nos fai a todos.  

Te puede interesar