Opinión

Xantando o "Fraguinho"

Aínda que en agosto non acostumo ir xantar a eses meus santuarios gastronómicos que visito o resto do ano, de cando en vez tamén fago algunha excepción para sentir que estou de "ferias", como dín os amigos portugueses. E cando digo santuarios non pretendo insinuar que sexan lugares excesivamente caros ou de postureo, mesmo nalgúns deles cómese o mellor "frango" do mundo a prezo irrisorio para os tempos que corren. Este xoves foi un deses días nos que o local que elexín estaba ateigado por algúns deses traballadores que nin en agosto poden deixar as súas faenas, pero sobre todo estaba cheo de emigrantes en Francia aos que no norte portugués chaman cariñosamente "avecs"; algo parecido ao que faciamos na miña terra coas nosas familias do País Vasco, que de sempre foron alcumados, tamén cariñosamente, como os "jolines".

Por defecto profesional, ou por unha das poucas cargas que leva esta profesión miña, nos lugares nos que non son eu o centro de moitas miradas convértome de repente nun olleador empedernido, observando todo o que acontece ao meu arredor. Vexo na mesa do lado a toda unha familia deses "avecs" que chegaron nun flamante coche de alta gama, que mesmo parecera que os regalan en Francia pola enorme cantidade deles que se ven nestas datas, coa dúbida de se son de propiedade ou de aluguer polo impolutos que veñen; en calquera caso dame igual, todo o mundo que traballa duro durante o ano ten dereito a vivir as súas vacacións a corpo de rei e "fardar" de coche ou do que lle pete, faltaría máis. 

Desde que sentan na mesa comezan a falar a todo volume, e remarco o de a todo volume porque cando soamente están os portugueses moradores de todo o ano o silenzo é tal que mesmo podes escoitar ata o ruído ca culleriña do café; e observo como entre todos eles falan en francés excepto cando se dirixen á velliña de pañoleta negra na cabeza que sorí sen entender case nada do que alí se dí, pero coa alegría de ter aos fillos e aos netos xuntos e pensando seguramente nos moitos sacrificios que unha e outros tiveron que facer ao longo da vida para poder estar hoxe compartindo ese "frango na brasa" que os reconcilia cos mellores tempos familiares. 

Medito moitas veces sobre esa perda idiomática das segundas e terceiras xeracións dos nosos emigrantes, e recordo como nos chamaba a atención o acento que traían no verán os nosos primos nacidos no País Vasco e que contrastaba totalmente co galego que os seus pais nunca deixaron de falar, facendo que, o mesmo que ocorría en moitas das nosas casas galegas, conviviran a centos de quilómetros dous idiomas enriba da mesa cada vez que a familia se reunía para xantar. Ben é certo que moitos daqueles rapaces que falaban aquel castelán que tanto nos chocaba aos que viviamos aquí, cando decidiron volver á terra de seus pais para quedar definitivamente recuperaron a toda velocidade aquela lingua nai que escoitaban nos seus fogares de Eibar, Ermua, Elgoibar ou Bilbao. 

Seguramente cando moitos destes rapaces, e non tan rapaces, portugueses nacidos en Lyon, Luxemburgo ou París, decidan volver para botar raíces definitivas nas "freguesias" de Melgaço, Viana do Castelo ou Ponte de Lima, recuperarán ese lindo idioma no que foron paridos e co que mesmo se pode gañar o Festival de Eurovisión.

Te puede interesar