Opinión

Xantar de amigos

Quedo para xantar co actor ourensán Christian Escuredo na terraza da “Casa da Marquesa”, un coqueto restaurante rexentado pola amiga Cheles e con excelentes vistas ó Museo do Pobo Galego. Christian anda estes dias por Compostela impartindo un curso de creación de personaxes, cousa que domina á perfección despois dos anos de preparación e sobre todo despois de triunfar co seu papel de “Adam/Felicia” no musical “Priscilla Reina del Desierto” que tanto éxito colleita noite tras noite no madrileño Nuevo Teatro Alcalá, cun papel protagonista polo que obtivo o Premio de Actor Revelación de Teatro Musical 2015. 

Chega feliz este meu amigo e mentres degustamos unhas tempuras vexetais con pementos de Padrón, polo escabechado e uns xelados, regado todo elo con viño de Valdeorras, facendo honra ás terras de orixe do noso actor, dedicámonos a poñernos ó dia de todo o acontecido dende que fun velo actuar á capital do Reino. Cóntame que volve de novo ó musical a finais de agosto e que aínda que deberá facer algúns ensaios previos e posta a punto, terá tempo para disfrutar da familia, da casa que restaurou no Barco, e dos moitos amigos que por aquí ten; sen deixar de ir relixiosamente ó ximnasio cada día porque así o require o seu traballo, onde ten que estar en forma permanente como saben todos os que disfrutaron do musical, no que Christian ademáis dunha excelente interpretación ten que desbaldir un gran exercicio físico.

No medio do xantar recibo a chamada da amiga Marisa González de Allariz, entusiasmada coa gran resposta dada por moitos personaxes e persoeiros ourensáns que quixeron sumarse á campaña do Sorteo do Ouro da Cruz Vermella. A forza e a ilusión coa que che fala Marisa é como para embarcarte en todo canto che pide, e así o saben tamén os veciños de Allariz, concello no que ela é alma máter de múltiples actividades con novos e maiores. 

E na hora da sobremesa recibo via twitter a feliz noticia de que o Premio de Poesía Cidade de Ourense na súa XXXI edición vai para o “Silencio Percutido” da coruñesa Eva Veiga Torre, noutrora presentadora da TVG e con que tiven o pracer de conversar longo e tendido nas terras das Fragas do Eume cando lle fun facer unha ampla entrevista para o programa “Acompáñenos”, gozando enormemente da sua compaña, do seu verbo e do seu sentido do humor.  

Despois do xantar salgo pitando para o plató de gravación onde me agarda todo o equipo e os convidados da Orquestra Primera Línea, a que fora gañadora da segunda edición de Operación Triunfo, Ainhoa Cantalapiedra, que volve cun excelente disco titulado "ADN" co que acaba de facer xira de promoción por Latinoamérica, e o cantante galego Xosé Pérez "Vizcaíno", irmán da eurovisiva Lucía Pérez, que acaba de facer a presentación do seu disco "Alas de Papel", ateigando o Teatro Principal de Santiago despois de cantar por moitos paises americanos e seguir agora xirando por todo o Estado. Poderemos disfrutar do seu traballo esta noite no "Bamboleo".

Te puede interesar