Opinión

Xardíns e boi con futuro

Tiven a honra de exercer de mestre de cirimonias na inauguración oficial do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, a miña vila que celebra estes dias por todo o alto a Festa do Boi, que congrega en cada edición a milleiros de visitantes que comproban como cada ano se realizan máis actividades para todas as idades en torno ao homenaxeado animal e o lendario Xan de Arzúa. Se cabe, este ano de xeito máis especial por toda esa controversia creada e que levou ao propio Concello e a institucións como a Deputación Provincial a manifestarse claramente a favor desta festa medieval que nada ten que ver con “el toro”. En Allariz nunca houbo touros, sempre houbo bois, e, por certo, nunca na vida estiveron tan mimados.

Como se miman ano tras ano as beiras do Arnoia para acoller ese Festival de Xardíns ao que acoden en cada edición creadores e paisaxistas chegados desde todo o mundo, como nesta sétima edición acoden desde Colombia, Paraguay, Austria, Brasil, Países Baixos, Italia e, por suposto, de Galicia e do resto do Estado; sen esquecernos da actividade pedagóxica que por terceiro ano consecutivo realizan os alumnos do Colexo Público Padre Feijóo, presentando os seus deseños cos que enriquecen a súa formación, concienciándose  do respecto que hai que ter co entorno e co medio ambiente. Eles sí que son o futuro, e deles depende que haxa ou non xardíns e un mundo máis fermoso no día de mañá.

É interesante comprobar no libreto que nos proporcionan ao entrar ao recinto como xa son moitas as empresas e institucións que patrocinan as creacións que alí se exhiben, e como as árbores que se foron plantando ao longo dos anos xa van medrando para nun medio prazo dar a sombra tan necesaria nos meses do estío. En calquera caso, o noso río sempre contaxia esa frescura necesaria para gozar da visita, como xa gozaron todos os meus veciños que asistiron o día da inauguración e como sen dúbida estarán gozando os miles de visitantes que acoden a Allariz nestas xornadas festivas do Boi e de Corpus. Unha vez máis, o mundano e o divino mesturados na maioría das tradicións da nosa terra, e convivindo armoniosamente. O boi non tería sentido sen o Corpus, e agora mesmo, todo hai que dicilo, o Corpus non sería o mesmo sen o boi. De aí que en cada edición as xentes de Allariz vistan as súa mellores galas para asistir á procesión baixo palio onde eu tanto facía voar o incensario, para logo cambiar tacóns e zapatos de gala por unhas cómodas zapatillas coas que correr por diante ou por tras dun animal que moitos nunca chegan a ver.

E Allariz engalanouse un ano máis para ver correr o boi, mellor dito aos bois, para que non se cansen nin estresen, como se engalanan e alfombran de flores as rúas para o paso da procesión; e nos balcóns conviven banderolas medievais con bandeiras galegas, españolas e mesmo estreladas. E non pasa nada, ou sí pasa, que todos se unen ao berro de “Que viva o boi”, e todos gozan da natureza e da beleza dos Xardíns máis fermosos e impactantes.

Te puede interesar