Opinión

"Danzad danzad malditos"

O título deste artigo nada ten que ver co que aquí quero contar, pero púxeno polo seu efectismo e porque nos lembra a aquela magnífica e oscarizada película de Sydney Polack. Eu prefiro o título de "Bailade Bailade Benditos", porque de baile quero falar, e sobre todo de bailaríns, eses que cada sábado contribúen a que o noso "Bamboleo" siga sendo líder de audiencia, con especial mención para o pasado sábado cando o noso programa conseguíu un record histórico marcando un 22,3 de share que, lonxe de facernos soberbios, fainos estar eternamente agradecidos cos moitos miles de espectadores que nos seguen en Galicia e en calquera parte do mundo onde haxa galegos.

Sempre pensei que foi un acerto continuar co labor divulgativo do baile que o "Tequelexou" fixera no noso País, contribuíndo a que a xente se animase a bailar, a acudir ás academias de baile e mesmo a participar en competicións importantes; daquelas eran os cataláns quenes nos mostraban o seu bo facer no programa, hoxe podemos presumir de ter moitos galegos triunfando polo mundo, como é o caso de Adrián Esperón e Patricia Martínez, que aínda recordan cando de nenos acudían aos platós da TVG a dar os seus primeiros pasos de baile, e que hoxe fannos sentir orgullosos da súa progresión, acadando múltiples Campionatos de España e sendo Semifinalistas en dúas ocasións nos Campionatos do Mundo e de Europa na modalidade de Dez Bailes. Actualmente teñen a súa base de traballo en Italia onde imparten docencia e viaxan por múltiples países que os levan desde Rusia ata China, ou desde Copenhague ata Australia. E o que máis lle agradecemos a estes e a outros bailaríns é que cando teñen un oco veñen ao noso programa a celebralo. De ben nacidos é ser agradecidos.

Tiven tamén a oportunidade de acudir recentemente convidado á cidade portuguesa de Vilanova de Famalicâo, onde se celebrou a "Taça de Europa de Bailes Latinos", cunha organización impecable por parte da Academia "Gindança", que tamén colabora moito co noso programa enviando ós seus mellores bailaríns, tanto infantís como profesionais, como é o caso de Sergio Costa e Rita Almedia, cun excelente palmarés e que nesta competición acturaron xunto cos pais de Rita como perfectos anfitrións, conseguindo unha felicitación internacional merecidísma pola organización, que foi de auténtico luxo.

Neste tipo de actos, créanme, os amigos portugueses son toda unha referencia e non deixan ningún detalle á improvisación; fan que bailaríns, xurados e público se sintan de marabilla nun marco estético de difícil superación. Teño que dicir que o "Bamboleo" é programa de culto en Portugal seguido por todos os amantes do baile, e mesmo conseguindo que a RTP se fixera eco do potencial que teñen no País gracias ao noso programa.

Entre outros amigos tamén estaba en Famalicâo o gran Miguel Abreu, profesor, bailarín, xuiz e alma máter da Academia de Baile "Pasos" de Vigo; a quen coñezo tamén desde os tempos do "Tequelexou", sendo un pioneiro tamén en Galicia do baile deportivo e gran loitador por poñer esta disciplina no lugar que lle corresponde, un deporte que en moitos países xa é Deporte Olímpico. Un deporte que esta noite volverá ser protagonista en "Bamboleo".

Te puede interesar