Opinión

Orquestas con fundamento

Esta noite estará no "Bamboleo" a Orquestra "Poceiro Big-Band" e créanme que para min é un pracer recibila, non soamente porque siga contando entre os seus compoñentes cun dos máximos expoñentes dos grandes vocalistas, o mestre Miguel Torres, álma máter da Orquestra Compostela durante os moitos anos que Miguel Muñiz estivo á fronte dela, o tamén mestre que compuxera ducias de éxitos para a súa propia orquestra e para artistas como Pili Pampín, Sabela ou a recordada Ana Kiro, para quen compuxo o inesquencible "Galicia Terra Meiga", canción para a que tiveron que inventar o "Casete de Ouro" por ser impresionantes as vendas do disco nese xa "vintage" formato de reproducción musical. Unha canción, por certo, e tal como lle contei moitas veces á querida Ana, que eu non soportaba nos tempos de adolescencia, cando a repetían ducias de veces nos "Discos con Dedicatoria" de "La Voz del Miño" ou "Radio Orense" e que non coincidía para nada cos meus gustos musicais daquela época. Hoxe faime gracia ver como no meu reproductor levo, ao lado dos éxitos de última hora, algunhas cancións que literalmente eu odiaba, desde o divertido "Tu Retratito" de Los Alegres de Terán ata a "Campanera" de Joselito, que hoxe moitos novos modernos reivindican como peza de culto.

Coas orquestras pasábanos algo parecido, recoñecendo que a Gran Parada, a Sintonía ou Los Satélites eran impresionantes, os máis novos, aínda nenos, preferiamos que nos trouxeran aqueles incipientes conxuntos pop que recreaban os éxitos propios ou os de Los Brincos, Los Bravos ou Los Canarios; falo de grupos como os ourensáns Los Wagners, Los Pósters ou Los Murciélagos, que de cando en vez se deixaban caer polo "San Lorenzo" de Allariz, un café con salón de baile que ben merecía que todos aqueles xóvenes da época lle renderamos a máis grande das homenaxes polo moito que nos aguantou a familia do ben querido Alejandro, coas súas fillas Carmiña e a Teresita á fronte, sobre todo no verán, onde pasabamos horas e horas escoitando a música da máquina de discos e consumindo o menos posible.

Pero eu no fondo sempre admirei a aquelas orquestras ben uniformadas, con moitos metais e con atriles co nome realzado; aquelas formacións que o mesmo empezaban o "asalto baile" da tarde co "Pasodoble de Ponteareas" que pola noite facían mover o esqueleto coas mellores cumbias ás miles de almas que acudían ás verbenas de San Benito ou da Empanada, festa que por certo se celebra en Allariz esta fin de semana. E nese espírito seguen a moverse algunhas formacións como a "Poceiro", coa voz de Luis Rey, a quen eu coñecín de ben noviño subido ao escenario do querido "Téquele-Téquele", e do que nunca dubidei se convertería nun excelente cantante e showman, como así foi. Eu non teño nada contra das grandes orquestras que literalmente "botan por fora" á hora de levar escenarios e montaxes propios de Madonna ou dos Rolling, pero sígome quedando coa música en estado puro, a que me ofrecen orquestras que apostan pola calidade musical e pola dignificación da profesión de músico. Será un pracer darlles un abrazo esta noite no "Bamboleo".
 

Te puede interesar