Opinión

Reflexións en torno ao futuro da concentración parcelaria

O modelo clásico de reordenación da propiedade agraria das últimas décadas é o que coñecemos como “concentración parcelaria”. Fíxose en toda a Europa occidental, no estado español e, como non, en Galicia. Tivo unha gran importancia e, grazas a el, foron capaces de pervivir miles de explotacións agrarias que doutro xeito estarían abocadas á desaparición.

O plantexamento técnico é sinxelo: unha explotación con corenta parcelas de cincocentos metros cadrados recibe, no mellor dos casos,  unha única finca de reemprazo de vinte mil metros cadrados (dúas hectáreas). Faise o desconto necesario para camiños e outros destinos da aportación individual. Neste modelo, o numero de explotacións permanece invariable, pero cunha estrutura da propiedade sensiblemente mellorada, con fincas de maior tamaño e bos accesos.

Pero a realidade en toda Europa é que o número de explotacións agrarias foise reducindo exponencialmente nas últimas décadas, e o emprego agrario tamén. Dun cincuenta por cento de poboación activa agraria -de práctica subsistencia- pasamos a menos do dez por cento con certa especialización. En consecuencia, o modelo clásico -que por certo, consume importantes recursos públicos- debería ser cuestionado.

Por outro lado, os procesos de concentración parcelaria modifican o tamaño das parcelas, pero non o tamaño das explotacións. Cabería preguntar se as parcelas aportadas, aínda reunificadas nunha única finca, son tamaño suficiente para a supervivencia da explotación. A resposta, normalmente é negativa.

O Banco de Terras tenta paliar, en parte, este déficit no tamaño das explotación, poñendo a disposición fincas en réxime de aluguer. Pero a oferta é pouco atractiva cando, para aumentar unha hectárea, tes que arrendar vinte parcelas. 

Xa non concentramos para o agricultor, senón para o propietario. Certamente, este pode ver aumentado o seu valor patrimonial e seguridade xurídica ao dispor de fincas máis grandes e sobre todo, saber onde están, con marcos xeorreferenciados. Pero se a única razón é esta, entraría en cuestión o financiamento público destas actuacións.

Compre por tanto buscar modelos alternativos. Non parece que vaia regresar a agricultura de subsistencia, nin vai volver a haber un cincuenta por cento de poboación activa agraria e, polo tanto, o novo parcelario, no caso de ser financiado con fondos públicos, deberá proporcionar fincas de verdadeira vocación agraria, de maior tamaño e incluso de titularidade compartida, explotadas con modelos asociativos ou mediante arrendamentos, onde o titular teña unha participación da propiedade escriturada nun papel e non necesariamente delimitada por catro marcos.

Non sería necesaria tan vasta rede de camiños que os propios concellos son incapaces de manter, e os custes dos procesos de reestruturación poden reducirse a unha cuarta parte. E non están os tempos para tirar foguetes. Nin para que o resultado final da concentración sexan fincas abandonadas. Iso si, máis grandes.

Te puede interesar