Adxudicada a mellora do firme entre Xinzo e Cortegada

Será a empresa Construcciones Rafer S.L. a que se encargue de acometer a obra que comezará, previsiblemente, durante o vindeiro mes de agosto.  Neste senso, agárdase que estea totalmente rematada este mesmo ano. 

A Consellería de Infraestruturas acaba de adxudicar a mellora do firme do vial que recibe o nome de OU-531 e que une os municipios de Xinzo de Limia e Cortegada. A intervención, que afectará á capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada ao seu paso polos concellos de Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Celanova, Ramirás, Gomesende e Cortegada; terá un custe total de 820.000 euros. 

Será a empresa Construcciones Rafer S.L. a que se encargue de acometer a obra que comezará, previsiblemente, durante o vindeiro mes de agosto.  Neste senso, agárdase que estea totalmente rematada este mesmo ano. 

Durante todo este tempo, as melloras -que buscarán tamén reforzar a seguridade viaria- centraranse na rehabilitación do firme mediante traballos de fresado previos ao estendido dunha mestura bituminosa en quente. 

Por outro lado, na intervención tamén se realizará a limpeza de cunetas e salvacunetas, o  reperfilado de taludes e a execución de cunetas de seguridade revestidas.

Por último e segundo informaron dende o departamento autonómico, na intervención repoñeranse as marcas viarias afectadas polos traballos de reparación do firme e melloraranse os pasos de peóns mediante marcas viarias e balizas retrorreflectantes.

A mellora da estrada entre Xinzo de Limia e Cortegada, da que se beneficiarán outros sete concellos, forma parte dun plan máis amplo posto en marcha pola Consellería de Infraestruturas que dirixe Ethel Vázquez mediante o que se quere mellorar a conservación da rede viaria autonómica coa finalidade de proporcionarlles aos cidadáns e conductores galegos unhas estradas máis seguras, cómodas e eficientes.

Te puede interesar