entrevista

María Teresa Joga: "Os agricultores e gandeiros da Limia non teñen do que avergoñarse"

A presidenta de Adegal, María Teresa Joga Martínez.
photo_camera A presidenta de Adegal, María Teresa Joga Martínez (ÓSCAR PINAL).

A presidenta de ADEGAL asegura que os gandeiros carecen de normativa á hora de xestionar a problemática dos residuos rurais

A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia congregou a máis de 1.000 persoas nunha xornada que tivo lugar o pasado 27 de febreiro e na que se tratou de abordar o futuro do rural e a problemática dos residuos que ten a estes profesionais no punto de mira. 

Como está a entidade agora, con cantos socios conta Adegal?

Nas últimas xornadas do mes de febreiro tivemos moitas altas na asociación, supoño que foi algo vinculado á boa acollida que tivo o acto. Superamos agora mesmo os 400. 

Por que vos decidistes a celebrar estas últimas xornadas en Xinzo?

Está claro que existe unha problemática. A nosa comarca está saíndo nos medios dun modo negativo, nunca na súa vertente máis positiva. Os nosos asociados nos estaban demandando información real sobre o que estaba pasando, e sobre o tema dos acopios do purín e da gallinácea. O obxectivo foi informalos de cal é o estado normativo no que nos atopamos nestes momentos. Os agricultores e gandeiros da Limia non teñen nada do que avergoñarse, ao revés. Queríamos que a xente se dese conta de que os residuos que se producen na gandeiría teñen un uso moi positivo na agricultura.

Hai moitas persoas e entidades que apuntan a que existe un problema de contaminación grave na Limia e responsabilizan a agricultores e gandeiros, que non saben como proceder.

Eso foi, precisamente, o que expuxemos nas xornadas. Como en todas as profesións, a medida que se vai avanzando no tempo van aparecendo novas técnicas e procedementos. Tanto por parte dos agricultores, como por parte dos gandeiros están innovando en técnicas para facer mellor o tratamento dos residuos. Eso que vaia por diante. O problema que temos nós nestes momentos é que existe un vacío lexislativo que non nos dá información de como temos que facer ese tratamento de residuos e inda por riba nos expón a que podamos ser sancioados. 

Houbo moitos casos?

O ano pasado, por exemplo, impuxéronse unha serie de sancións a moitos agricultores polo tema do acopio das gallináceas. Non existe ningún tipo de normativa e estamos en mans da administración, é dicir, que ela sexa a que considere se a práctica é boa ou é mala. Existe unha indefensión e inseguridade xurídica moi grande.

Que demandan os agricultores e gandeiros neste caso?

Que a administración galega elabore unha serie de normativas pero que se teñan en conta aos sectores agrícola e gandeiro, que son os verdadeiros coñecedores desta zona e das prácticas que se empregan día a día. Facer unha normativa dende os despachos é algo que non é bo, nin pensamos que vaia a ter unha boa aplicación práctica. 

En que punto se atopa a agricultura e a gandeiría na Limia?

Facíamos o comentario o outro día nas xornadas. Esta comarca é eminentemente agraria e gandeira, e todo o tecido empresarial vinculado móvese en base a elo. Existe un relevo xeneracional, non é que sexa un grande relevo, pero sí que hai unha importante incorporación de xente nova, que aproveita os recursos familiares. 

Porque comezar de cero, co investimento que supón, non é doado. 

É absolutamente imposible. Nunha comarca como esta deberían existir liñas de subvencións, axudas, e bonificacións que facilitaran estas novas incorporacións. É outra das demandas que lle facemos ás administracións.

Moita xente demanda na Limia que se aposte por cultivos alternativos. 

Nós estamos loitando coa administración para que se instale de xeito definitivo a modernización dos regadíos. Esto permitiría poder afondar máis nese tema.

Te puede interesar