Ecoagro

Agricultores da Limia urxen ao Goberno a que cese as multas polo riego

Os representantes dos agricultores da Limia, durante o encontro co subdelegado.
photo_camera Os representantes dos agricultores da Limia, durante o encontro co subdelegado.
Crearase unha mesa de traballo para conseguir que se desbloquee o plan de regadío na comarca

As derradeiras multas rexistradas na comarca da Limia contra agricultores que empregan auga do río para regar as súas colleitas -catro, segundo afirmou o tenente de alcalde e presidente dos Productores de Pataca da Limia, Amador Díaz- levou este xoves en Xinzo a un encontro co subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, e unha charla máis informal ao respecto co ministro de Agricultura, Luis Planas, que tivo lugar o pasado mércores aproveitando a súa visita a Galicia para participar nun acto electoral. 

O propio tenente de alcalde, Amador Díaz -agricultor de profesión- amosaba o seu malestar pola situación a mediados desta semana: "Durante a crise sanitaria todo o mundo falaba dos traballadores do sector primario como os grandes salvadores e agora pasa esto. Só pedimos que nos deixen regar en xullo e agosto e poder rematar a campaña".

Á reunión celebrada este xoves no salón de plenos do Concello de Xinzo asistiron a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, os concelleiros de Medio Rural e Obras, Amador Díaz e Ramón Gómez, e representantes dos produtores de pataca da contorna, principalmente, da zona de Lamas e Ganade. O motivo do encontro foi abordar de xeito inmediato unha solución transitoria que permita aos agricultores limiaos poder seguir regando sen expoñerse a sancións económicas. Tamén se tratou de encamiñar outra saída mais a medio prazo e que pasaría por un plan de regadío profesionalizado que resolva o que dende o Concello de Xinzo consideran "un problema histórico deste colectivo".

O propio tenente de alcalde, Amador Díaz -que capitaneará as negociacións para tratar de desbloquear o problema existente cos regadíos na comarca- adiantou logo da xuntanza -que comezou ás 09,30 horas da mañá- que, a vindeira semana, os representantes locais reuniranse co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, José Antonio Quiroga. Os agricultores pretenden explorar a posibilidade dunha moratoria para a extracción de auga do río Limia e que lles permita acometer o rego nesta campaña de 2020/2021. 

Pola súa banda, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, cre neste senso "que xa é hora de que este tema quede arranxado para sempre", polo que confía en que Amador Díaz, na súa dobre condición de concelleiro de Medio Rural, con todas as competencias neste ámbito, e ademais presidente dos produtores, "consiga poñelos a todos de acordo entorno as mellores solucións posibles". Do mesmo xeito, a alcaldesa anunciou tamén "un segundo fronte institucional de negociación coas administracións implicadas, no que ela, xunto a Amador Díaz, tamén se implicará persoalmente".

Te puede interesar