agricultura

A agroganadería limiá mellorará cun plan estratéxico e de formación

mesalimia
photo_camera A Mesa da Limia tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Xinzo na mañá do venres.
A Mesa da Limia celebrou a súa segunda reunión coa presenza de varios actores e colectivos

O Salón de Plenos de Xinzo acolleu este venres a segunda reunión da Mesa da Limia, integrada por representantes institucionais, colectivos veciñais e ecoloxistas, productores de pataca, gandeiros e asociacións. Esta entidade conxunta, conformada durante o pasado mes de abril, pretende mellorar a calidade das produccións agrogandeiras, atallar a problemática da xestión dos residuos e profesionalizar o sector primario nunha das hortas do país: a comarca da Limia. 

O conselleiro de Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros e do de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, presidiu esta nova asemblea que comezou pasadas as 10,00 horas e que se prolongou algo máis de tres horas. Tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira. 

O obxectivo deste novo encontro foi sentar as bases para procurar o máximo consenso posible entre todos os axentes económicos e sociais da zona e impulsar, deste xeito, a actividade agrogandeira desde unha perspectiva sustentable. "Trátase de lograr que A Limia sexa referente de compatibilidade entre unha xestión ambiental adecuada e uns bos resultados económicos", dixo o conselleiro. "O que se busca é mellorar a calidade dos produtos agroalimentarios e poñelos en valor, tendo en conta que os consumidores están dispostos a pagar máis por uns produtos de maior calidade, pero que tamén sexan máis respectuosos co medio ambiente", engadiu. 

José González, anunciou durante a reunión, a elaboración dun Plan estratéxico do sector agrario da Limia que a Xunta prevé ter completado durante o verán de 2020. Esta iniciativa complementarase con outro proxecto de formación agrogandeira específico para esta bisbarra ourensá, que incluirá, entre outras cuestións, o asesoramento sobre a xestión dos residuos e subprodutos como fertilizantes.

O futuro Plan será a folla de ruta que defina o futuro do sector, partindo de diferentes premisas, pero tendo en conta especialmente a súa tripla sustentabilidade económica, social e ambiental, na procura da Galicia verde.


Método de traballo integrado 


Para a elaboración deste plan se contará coa participación dos diferentes sectores de interese, respondendo deste xeito á demanda máis repetida dos gandeiros e agricultores, que piden ser tidos en conta á hora de elaborar normativas e leis que lles afecten directamente. Crearanse, deste modo, distintas mesas de traballo que estarán organizadas por temáticas. Tamén haberá unha de organización na que figurarán distintas institucións públicas.

Os temas a abordar neste plan serán a remuda xeracional no agro, o acceso á terra e á auga, a calidade do produto, a formación, o asesoramento e a investigación no sector. Tamén se tratarán aspectos ambientais, en especial os residuos agrarios e a súa xestión, o asociacionismo entre gandeiros e agricultores e a comercialización e os mercados. Durante o encontro coincidiuse na importancia de atallar o problema da xestión dos residuos, unha situación que vén motivada polo incremento das cabezas de gando -actualmente hai 2,7 millóns- que están repartidas en 36.000 explotacións. Por último, a Consellería de Medio Rural está traballando nun anteproxecto de lei para a xestión dos mencionados xurros que se atopa actualmente en fase de revisión de alegacións.

Te puede interesar