MÚSICA

A agrupación musical da Limia inicia unha nova etapa

O vindeiro día 1 de abril a Agrupación Musical da Limia ofrecerá o seu primeiro concerto baixo a nova directiva. Será no auditorio da Casa da Cultura de Xinzo ás 20.30 horas

O párroco de Xinzo, Don Jaime Collazo Bóveda, asumiu recentemente a representación institucional desta asociación musical que conta, na actualidade, con máis de 80 alumnos.

"É un grande apoio para nós", explica José Luis Tielas, director musical da Escola da Limia. "Como representante danos moita estabilidade a nivel administrativo", engade.  

A nova etapa para esta asociación comezou a finais do pasado ano co acondicionamento dunha nova escola no antigo cuartel da Garda Civil, despois de atravesar unha etapa crítica na que estivo en risco a continuidade deste proxecto. "Cheguei a quedarme con 12 alumnos", sinala o director da banda. "Moitos dos músicos pasáronse ás charangas. O proxecto da nova escola supuxo un rexurdimento para nós", engade. 

O novo centro, ubicado na rúa Lodeira, forma de luns a venres a 32 cativos da comarca. Catro mestres encárganse de especializalos musicalmente en instrumentos como o saxofón ou a percusión sinfónica. "A escola ten unha orientación lúdica", explica Tielas. "Queremos que os nenos o pasen ben pero sobre todo que se divirtan, aínda que o fin último sexa que se convirtan en profesionais", engade. 

O obxectivo é seguir crecendo: "É unha iniciativa privada aínda que o Concello nos está axudando moito". A primeira actuación da nova etapa consistirá en interpretacións de bandas sonoras de películas. 

Te puede interesar