A Limia

A Agrupación Musical da Limia inicia os trámites para un novo máster

A Limia

MÚSICA - FORMACIÓN

A Agrupación Musical da Limia inicia os trámites para un novo máster

O acto de clausura estivo presidido polo alcalde de Xinzo, Manuel Casas.
photo_cameraO acto de clausura estivo presidido polo alcalde de Xinzo, Manuel Casas.

Ofertará a titulación de Dirección e Xestión de Bandas de música por primeira vez en territorio nacional

Responsables da Agrupación Musical da Limia e representantes institucionais de Xinzo puxeron onte o broche de ouro ao primeiro Curso de Extensión Universitaria de Dirección de Banda promovido pola Uned e pola Agrupación na capital limiá.

Un total de 16 músicos recibiron o diploma que os acredita como participantes nesta formación de iniciación, que continuará a finais deste ano cun curso de perfeccionamento. Ademais, o coordinador e director da Agrupación Musical da Limia, José Luis Tielas Santiago, asegurou que xa se está traballando para que Xinzo sexa a sede do primeiro máster que se poida cursar sobre esta materia en territorio nacional -so existe actualmente en Maastricht (Holanda) e no Instituto Superior Europeo Bandístico (Italia), pero non están homologados para España-.

O primeiro curso de Dirección de Banda da Uned, que comezou a finais do pasado mes de novembro, abarcou un total de 68 horas lectivas que se repartiron en catro encontros. As clases tiveron lugar en Xinzo e noutros puntos da xeografía galega, e estiveron dirixidas por Jan Cover, Andrea Loss e Javier Viceiro. "Facemos unha valoración moi positiva, cubríronse todas as prazas e xa estamos comezando a organizar a vindeira edición que será en setembro", explicou José Luis Tielas. "A idea é facer o curso de iniciación, o de perfeccionamento e, posteriormente os estudos superiores, o faremos pouco a pouco", engade.

Neste sentido, manteranse os dous primeiros cursos sendo posible que coincidan no tempo. Está previsto, por outra banda, que os docentes que estiveron na primeira edición repitan nas vindeiras.

No acto de clausura estiveron tamén, entre outros, o alcalde de Xinzo, Manuel Casas e o presidente da Escola de Música Jaime Collazo.


Equipo docente de doutores en música


O Máster da Uned de Dirección de Banda acreditaría aos seus alumnos -cun título propio- como expertos profesionais en Dirección e Xestión de Bandas de Música. "Temos que enviar moitos papeis e ter un equipo docente composto por Doutores en Música na universidade como son Javier Viceiro e Antonio Cantal, ou Jan Cover que é doutor no Real Conservatorio de La Haya e Andrea Loss, no Instituto Bandístico", manifestou o coordinador do curso. Cabe a posibilidade de que se incorporen novos docentes a esta formación, aínda que é algo que non está pechado. Dos que formaron parte desta primeira experiencia, foi Javier Viceiro o encargado de clausurar o acto en compaña de autoridades e alumnos.