MEDIO AMBIENTE

Amigos das Árbores acusa ao Concello de non querer dialogar

Critican as malas prácticas do concello cos exemplares da rúa de O Toural, ou da estrada a Lamas 

Amigos das Árbores da Limia vén de rexistrar un escrito formal no Concello de Xinzo logo de non recibir resposta ante a súa solicitude de paralización da poda dos exemplares da avenida de Celanova. O colectivo acusa ao goberno local de non querer dialogar, e non protexer ao seu patrimonio natural. 

Por outra banda, a agrupación di non ter resposta a porque non se iniciaron as reformas prometidas na avenida limiá e desminten ao responsable da área de Medio Ambiente de Xinzo, Manuel Cabas, afirmando que "non é verdade o que sinalan" da resistencia dos plátanos ás podas acometidas. "Non é infinita, os exemplares debilítanse, enferman, e son máis propensos a padecer enfermidades, posto que son seres vivos, non mobles", din. 

Para Amigos das Árbores, a tala dos plátanos de Xinzo "é outra oportunidade perdida de cara a recuperar este arborado de tantas agresións feitas nos últimos anos". 

A agrupación ecoloxista sinala ter constancia doutras malas prácticas en relación á vexetación local. "Decótanse e rachan as polas das árbores cando as follas aínda están presentes. É o caso da avenida de Ourense, a estrada a Lamas, a rúa do Toural ou a praza Otero Pedrayo". Neste senso, piden "sensibilidade" ao novo rexidor Manuel Casas e ao novo edil Ricardo Sieiro.

Te puede interesar