A LIMIA

Amigos das Árbores critica a poda na avenida de Celanova

20180427192132129_result
photo_camera Os operarios da Deputación traballaron esta semana podando as árbores do vial.

Tamén rexistrarán un escrito no Concello de Trasmiras pola perda do castiñeiro de Vilar de Lebres

Un ano despois do xurdimento de Amigos das Árbores da Limia, a agrupación volve á palestra para criticar a "agresiva" poda feita aos plátanos da avenida de Celanova durante esta semana. O Concello de Xinzo solicitou á Deputación de Ourense que acometese esta actuación, xa que, tal e como explicou o rexedor local, Manuel López Casas, o presuposto ao que tería que facer fronte a entidade local se este traballo o abordase unha empresa privada superaría os 11.000 euros e, deste xeito, pagarán pouco máis de 1.000. 

Aínda que os propios técnicos emprazados na avenida explicaron que o ideal sería ter iniciado estes traballos "un pouco antes", a natureza dos plátanos "resiste sen problemas", segundo apuntaron, este tipo de poda. Neste punto non concordan os membros de Amigos das Árbores da Limia. "As podas teñen que ser feitas cuns criterios mínimos que garantan a saúde dos exemplares, as de Xinzo e Ourense son contranatura, pois non están xustificadas nesta época nin na forma que se están facendo, decapitáronnas", manifestou Xosé Santos, de Amigos das Ábores. 


Críticas en Vilar de Lebres


Xosé Santos, integrante de Amigos das Árbores, adiantou que, despois de que unha veciña de Vilar de Lebres se puxera en contacto coa plataforma para denunciar o acontecido cun castiñeiro centenario -o Concello podouno sen consultalo cos veciños e, o pasado domingo, amenceu cun corte transversal- farase "unha queixa formal" na administración local xa que, considera, "non poden actuar desa maneira, deben protexer o patrimonio vivo". O ecoloxista asegurou que existe un documento -a Carta de Barcelona- que fala dos dereitos das árbores nas cidades, vilas e pobos. "Dende o punto de vista lexislativo non existe nada que os ampare, pero apelamos á sensibilidade social", explicou Santos. "Do mesmo xeito que hai unha Lei en contra do maltrato animal, habería que ter en conta que as especies arbóreas son símbolo de vida en todas as culturas e precisan duns coidados axeitados", engadiu. 

Dende Amigos das Árbores aseguran que o que pasou en Vilar de Lebres "foi intencionado e co obxectivo de secar a árbore, pois o tipo de corte impide que circule a savia". Según Xosé Santos, os cortes ao redor do tronco "fixéronse para matala, e aínda que o Concello lle bote cicatrizante non frenará o dano, habería que ter feito uns inxertos para salvala".

Te puede interesar