NATUREZA

Amigos das Árbores informou aos veciños da tala en Xinzo

Xinzo arboles_result
photo_camera Aspecto que presentaba el salón de actos de la Casa da Cultura.

A plataforma recolleu 2.000 sinaturas para defender os 56 exemplares da avenida de Celanova

Máis de 200 persoas asistiron á mesa redonda convocada pola plataforma Amigos das Árbores da Limia no Salón de Actos da Casa da Cultura de Xinzo. En palabras do representante do recén creado colectivo, Xosé Santos, o obxectivo deste acto foi "coñecer o pensamento dos distintos veciños da vila e tamén dos grupos políticos municipais" no que atinxe á eliminación dos 56 exemplares arbóreos da avenida de Celanova.  O evento contou coa presenza de representantes de colectivos ecoloxistas como a Sociedade Galega de Historia Natural, Ríos Limpos ou Amigos da Terra. Tamén interviron os portavoces dos grupos da oposición no Concello de Xinzo (PSOE, BNG e Xinzo Adiante) que coincidiron na "falta de sensibilidade do goberno local" no que respecta ao medioambiente. 

Non asistiu, pola contra, ningún representante do grupo de goberno a pesar de que, dende a plataforma, subliñaron que "se fixo chegar unha invitación formal para que algún edil do Partido Popular de Xinzo formase parte da mesa redonda". Unha compoñente de Amigos das Árbores puntualizou que o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, contestou á mencionada invitación "emprazándoa a coñecer o proxecto no Concello de Xinzo". 

Algúns dos veciños que interviron no acto calificaron a posibilidade da tala das árbores como "un atentado contra a vida e contra o patrimonio" . Pola súa banda, Xosé Santos, representante da plataforma Amigos das Árbores sinalou que "é posible investir o diñeiro en mellorar o vial ao mesmo tempo que se manteñen as árbores" xa que, engadiu, "é un ben patrimonial que non podemos perder e o único elemento verde e singular que queda na vila de Xinzo". Tomás García, membro do colectivo, subliñou que "as alternativas existen" e que en cidades como París ou Berlín "especies arbóreas similares están integradas nos núcleos urbáns".  Amigos das Árbores da Limia recolleu en menos dunha semana máis de 2.000 sinaturas en favor da súa causa. 

Te puede interesar