Antonio Luz: “O flamenco en galego pode funcionar”

202205__MG_5507_resultado
photo_camera Antonio Luz na rúa de San Roque de Xinzo. (Miguel Ángel)
O cantautor limiao Antonio Luz regresa a Xinzo, co seu segundo disco baixo o brazo, logo de grabar alí un videoclip que xa vai camiño de chegar ás 350.000 visitas en Youtube.

José Antonio Álvarez, máis coñecido como Antonio Luz, non pasa desapercibido en Xinzo: saúda a todos os que pasan ao seu carón. E é que hai 10 meses, o centro da vila convertíase no escenario do seu videoclip “Non me toques o xe”, unha reivindicación a prol da boa pronunciación do galego. O vídeo supera xa as 320.000 reproduccións en Youtube. 

Este venres, o veciño de Sarreaus volvía á vila limiá co seu segundo disco baixo o brazo: “Paraíso das airas”, unha homenaxe ao rural e ás aldeas. “As airas eran os centros neurálxicos dos pobos, de aí o nome”, precisa o cantautor que mestura o galego co flamenco malia non haber na comunidade galega unha especial vinculación a este xénero musical: “Non ten ningunha explicación especial. Todos na miña familia cantan e a todos gústalles o flamenco”, responde cando se lle pregunta de onde vén esa paixón. 

Antonio Luz celebra o momento que vive a música galega e invita á xente a que a escoite e, sobre todo, a que fale nesta lingua. Recoñece o éxito de grupos con Tanxugueiras e considera que é un bo momento para seguir experimentando co galego fóra do tradicional. El abandera a mestura flamenca, aínda que recoñece que onde máis sorprende esta mestura é na propia Galicia. “É o momento de explorar. Penso que o galego co flamenco pode funcionar. Vou a seguir facendo cousas en galego que eu crea que non se fixeron aínda”, asegura. Ademais, amósase satisfeito coa acollida do seu traballo en Madrid, onde reside e traballa como garda civil. “Gústame isto. De feito, teño soado nalgunha radio e xa me chamaron da televisión”, explica.

É consciente de que o atípico funciona, pero a Antonio non lle gusta mesturar o seu traballo -sobre o que lle adoitan preguntar- coa música. “Non quero aproveitarme, neste caso, da Garda Civil, da que me sinto orgulloso. Prefiro desvincular ambas cousas”.

Te puede interesar