Alexandre Folgoso, artesán da foto na era dixital

photo_camera O fotógrafo limiao Alexandre Folgoso. Foto: Xesús Fariñas
O limiao Alexandre Folgoso descubriu durante o seu Erasmus, en Mánchester, que a súa maneira de expresarse artísticamente pasaría pola fotografía analóxica. Unha cámara de 40 libras mudou o xeito no que toma as imaxes. 

Malia a súa xuventude e de ter nado na era dixital, Alexandre Folgoso (Xinzo, 17 de xaneiro de 1996) concibe a fotografía como un proceso artesanal, lento. Rexeita o que considera "o capitalismo da imaxe" e goza de establecer un diálogo coas súas instantáneas analóxicas, esas nas que mestura a maxia co misticismo e que el mesmo revela. "Agora mesmo estamos bombardeados con imaxes constantemente. Eu, como creador novo, sinto que o dixital impón uns tempos moi rápidos de creación e revelados. O analóxico implica traballar máis despacio, creo que é máis interesante", apunta Folgoso. 

Dende que adquiriu, por 40 libras, a súa cámara analóxica nun rastro de Mánchester, no 2017, este filólogo limiao, que compaxina o seu labor docente en Xinzo coa súa paixón pola foto, ten rexistrados preto de 3.000 negativos. "Concibo, no analóxico, a artesanía da imaxe. Un proceso que vai dende que disparo, ata que revelo os carretes. Fágoo todo eu", relata Alexandre. "Estou moi feliz aprendendo, é máxico ver a toma fotográfica aparecer no papel", engade. 

Folgoso acaba de inaugurar, na Arca da Noe, a mostra Páxaros de prata -un título inspirado nun poema de Luis Pimentel-. Trátase dun conxunto de 30 imaxes tomadas na Limia -buscaba explorar a parte máis máxica do territorio- no que Alexandre Folgoso aborda "a nosa relación co medio natural e tamén a soidade, mesturando a maxia e o misticismo, que tan presentes están no meu traballo". Cada imaxe do conxunto representa a "un paxaro" que agarda a súa liberación por medio da intepretación de cada espectador, que lle dará unha nova vida. Tamén é un símil coa mente que "voa" nese instante para facelo e coas "sales de prata", onde se recolle a toma fotográfica. "É a miña forma de concebir a fotografía", subliña o limiao. "O meu traballo tamén bebe moito do surrealismo, do esoterismo. Tamén téñoo moi vencellado á poesía, de feito, unha fotografía, como un poema potente, abre portas a outros mundos", engade o tamén filólogo.

Arca da Noe

Todas as fotografías de Alexandre son en blanco e negro, porque deste xeito acada "maior abstracción para achegarnos a un mundo máis onírico". A súa inspiración a atopa a medio camiño entre a cultura nipona -o haiku- e a galega. "Para mín Ourense, o Entroido e súa maxía e rituais e a interpretación do rural son fundamentais", asegura. "Na cultura galega non pomos en valor todo o que temos. Eu quero exploralo dende o punto de vista da fotografía", engade este fotógrafo que ten imaxes inspiradas en Castelao ou Camilo Díaz Baliño.

Te puede interesar