A Banda de Gaitas de Xinzo celebrará os seus 30 anos este sábado

O concerto será na Igrexa por motivos de espazo, o que volve a poñer sobre a mesa a necesidade dun auditorio na vila

A Banda Municipal de Gaitas de Xinzo continúa celebrando o seu 30 aniversario con distintas actividades. Logo de ofrecer un concerto especial no Teatro Principal de Ourense o pasado 4 de xaneiro, a agrupación repetirá esta actuación na súa vila de orixe este sábado, día 13 de abril, mudando o repertorio de temas. "Foron os propios veciños de Xinzo os que nos pediron que celebrásemos un aquí, xa que houbo xente que non puido desprazarse ata Ourense", asegura Fernando Dopico, director da escola de gaiteiros limiaos. "O teatro quedóusenos pequeno, estaba cheo", engade. 

Nesta ocasión os gaiteiros da banda, así como antigos alumnos que participarán neste novo encontro, actuarán na Igrexa Parroquial de Santa Mariña -o templo novo- a partir das 21,00 horas da noite. "É o único sitio no que cabemos en Xinzo, na Casa da Cultura non entramos e co tempo que está facendo non podemos actuar na rúa", explica Dopico, quen volve a poñer enriba da mesa a necesidade de que unha vila como Xinzo poida contar cun Auditorio Municipal. "Contamos con que veña moita xente", manifesta. 

A banda limiá interpretará nesta actuación algúns dos temas que se poden escoitar no disco grabado e publicado para celebrar as súas tres décadas de vida, "Son horas", e que se pode adquirir na sede da Escola Municipal de Gaitas, ubicada no casco antigo de Xinzo de Limia.

Te puede interesar