Os Blancos mellorará a pavimentación e o acceso ao núcleo de Nocedo

210427 OsBlancos2
photo_camera Ángeles Vázquez reuniuse por vídeoconferencia co rexedor de Os Blancos, José Manuel Castro.
A actuación terá un custe de 50.000 euros e incluirá traballos de roza e limpeza

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Os Blancos levarán a cabo diversas actuacións de mellora no termo de Nocedo, en Os Blancos, por valor de 50.000 euros. A intervención, que foi licitada este martes, incluirá a rexeneración do pavimento na liña de mellorar os accesos e a comunicación neste pobo. Do mesmo xeito, levaranse a cabo traballos de roza e limpeza, así como a colocación de novo mobiliario urbano.

O pasado luns, a titular da Consellería, Ángeles Vázquez, tratou por videoconferencia este e outros asuntos de interese para o Concello de Os Blancos co seu rexedor, José Manuel Castro. O obxectivo de ambos representantes institucionais pasa por  mellorar, deste xeito, varias rúas de Nocedo en aras de fomentar a convivencia veciñal. Ademáis, ambos coincidiron en que, deste xeito, se permite o aumento da calidade de vida desta zona rural e se contribúe a fixar poboación.

Por outro lado, a conselleira e o rexedor repasaron na xuntanza outros asuntos en materia de ordenación urbanística. Búscase colaborar naquelas iniciativas que melloren as infraestruturas municipais, sobre todo naqueles casos nos que as posibilidades económicas das entidades locais así o requiran.

Por último, no encontro virtual mantido a comezos desta mesma semana, tratouse a cuestión da vivenda pública neste concello da comarca da Limia. Sobre isto, Ángeles Vázquez recordoulle ao rexedor a necesidade de achegar a documentación técnica para a execución de inmobles, co fin de verificar que se cumpren os requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e accesibilidade.

Te puede interesar