POLÍTICA

O BNG de Trasmiras denuncia o estado das beirarrúas

trasmiras
photo_camera Unha das instransitables vías.
Os nacionalistas tamén criticaron a pavimentación realizada na rúa de A Corredoira, no centro do pobo

O Bloque Nacionalista Galego de Trasmiras vén de denunciar públicamente o estado no que se atopan algunhas das beirarrúas do municipio. O grupo recibiu varios avisos por parte dos veciños do concello sobre o estado "intransitable" destes viais, e do resultado da pavimentación feita polo Concello de Trasmiras. 

Concretamente, os nacionalistas criticaron a situación actual das beirarrúas que van dende a localidade ata Soutelo. Aseguran que están "abandonadas e cheas de herbas, follas, terra, apeiros e vigas de ferro" que algún veciño deixou na rúa, obstaculizando o paso do resto dos habitantes do municipio. 

Por este motivo, reclamaron a retirada de todas estas "barreiras" e o acondicionamento e limpeza das mencionadas beirarrúas. 

Por outra banda, o BNG de Trasmiras aproveitou para censurar a pavimentación levada a cabo dende o Concello no centro de Trasmiras, feita con "grava solta", concretamente, na zona da rúa de A Corredoira. Neste senso, subliñaron que logo desta actuación taparonse diferentes sumidoiros e que, en días de fortes choivas, esta situación podería ocasionar múltiples problemas ou inundacións. 

O BNG denunciou recentemente o estado no que se atopaba o campo de fútbol, no que se chegaron a atopar xeringas. O Concello optou por pechalo.

Te puede interesar