ELECCIONES MUNICIPALES

O BNG de Xinzo traballará por frear o éxodo rural

Queren crear unha oficina de vivenda que oferte un servizo permanente para a adquisición de casas neste entorno

O Bloque Nacionalista Galego de Xinzo traballará, se chega ao goberno da localidade, para frear a sangría demográfica e fixar poboación no eido rural. Neste senso, o grupo nacionalista que encabezan Ramiro Rodríguez e Alba Feixóo apostará pola creación dunha Oficina da Vivenda Rural. Trátase dun servizo permanente de asesoría xurídica e técnica para a adquisición e rehabilitación de vivendas nas parroquias e aldeas do Concello de Xinzo. Para esta finalidade, a formación aproveitará as subvencións de procedencia europea, estatal e galega. O BNG tamén impulsará, nesta liña, un Banco Público de Vivenda no Rural que inclúa diferentes fórmulas como a compra-venda, a permuta ou a cesión en aluguer público protexido.

Por outra banda e no que atinxe ao emprego, o BNG de Xinzo propoñerá a implantación dunha Oficina de Incorporación ao Sector Agrogandeiro que, en colaboración coa Oficina de Xestión Agraria e o Grupo de Desenvolvemento Rural -GDR- oferte información e asesoramento permanentes, centrados na incorporación ao traballo nos nosos sectores produtivos dos mozos da comarca.

Por último, e na liña das reivindicacións feitas por numerosos colectivos e veciños do rural, os nacionalistas inclúen no seu programa electoral a necesidade de contar en Xinzo cun Servizo de Transporte Público de xestión municipal que vertebre o concello e que logre conectar a capitalidade cos distintos núcleos que integran Xinzo.


María do Mar Alonso, cabeza de lista do BNG de Trasmiras


O Bloque Nacionalista Galego de Trasmiras vén de presentar a candidatura de homes e mulleres coa que concorrerá ás eleccións municipais. Serán cinco candidatos e cinco candidatas que loitarán, en verbas da súa cabeza de lista, María do Mar Alonso, "polo cambio inmediato e real, e a prol das políticas de benestar social". Outro dos obxectivos da xoven formación será aplicar medidas que axuden a paliar o despoboamento rural e fomentar o impulso económico do concello, a través da súa favorable situación xeográfica -proximidade á Autovía A-52- e da producción da pataca. "Somos xóvenes que nos adicamos a distintos sectores e que somos coñecedores do Concello", subliñou Alonso.

Te puede interesar