A LIMIA

“Bos días, dende Radio Maraña!"

O CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio alzou o único premio para Ourense do Primeiro Concurso de Podcast convocado pola Consellería de Educación. Os micros de Radio Maraña son a sensación do momento. 

A xanela cultural ben podería ser o nome dun formato audiovisual ou radiofónico emitido en horario de máxima audiencia e o "Bos días, dende Radio Maraña!", o seu mítico saúdo. Sen embargo, máis que iso, é o resultado da ilusión e do esforzo dun equipo: un pequeno espazo cultural realizado polos cativos do CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio, gañadores ourensáns do primeiro Concurso de Podcasts convocado pola Consellería de Educación no que concorriron un total de 107 propostas.

Os nenos deste pequeno colexio -apenas conta con 43 alumnos- volveron a demostrar, unha vez máis, que con traballo, unión e implicación pódense saltar as barreiras que lastran o rural: en Vilar de Barrio hai un colexio moi loitador e merecedor doutros distintivos como o recibido a finais de 2017 á formación permanente do seu profesorado e ao fomento de proxectos propios, nos que teñen especial protagonismo os vencellados á programación e robótica. 

Radio Maraña, bautizada así pola araña que "goberna" a biblioteca do centro, é outro dos exemplos. O espazo radiofónico escolar está incluído na rede de centros galegos que participan no programa Radio na Biblio, e o profesorado promove nel numerosas actividades coas que os cativos disfrutan do traballo en equipo. 

"Levamos dous anos coa radio. É un proxecto que se oferta aos centros que forman parte da Rede de Bibliotecas Escolares. Ti a solicitas, e cada ano eles seleccionan varios centros", explica Manuela Iglesias, directora do colexio. "Teñen moi en conta a memoria de actividades que se fan cada ano dentro da biblioteca", engade. 

Os mestres da escola desenvolven pequenas partes das unidades didácticas neste espazo radiofónico. "As ideas para a radio van xurdindo durante as clases", di Manuela Rodriguez, profesora. "O outro día estabamos traballando cunha poesía na aula e dixemos, 'veña!, imos a facer un recitado na radio'. Tamén temos preparado obras de teatro", engade. 

Os programas que realizan os pequenos locutores de Vilar de Barrio pódense escoitar na páxina web do colexio e tamén no blog da biblioteca. Por Radio Maraña teñen pasado protagonistas tan queridos na comarca limiá como o presidente do Padroado do Museo da Limia, Delfín Caseiro, que se someteu ás preguntas destes aspirantes a xornalistas. Aínda que, neste senso, algúns deles non perden a esperanza de poñer diante dos micros a outros personaxes tan famosos como Messi ou Sergio Ramos, outros apuntan máis preto: "A mín o que máis me gusta da radio é poder facer entrevistas. Estaría guay falar coa dire", di Natalia Feijóo, alumna do colexio. "A radio é un lugar de expresión, aínda que non pensei se querería ser xornalista, creo que preferiría ser mestra", apunta Érika Souto. "A mín gustaríame entrevistar á miña nai, porque ten unha vida interesante", engade. 

Lucas prefire estar nos controis, pero admite que disfruta do traballo en equipo: "Todos xuntos facémolo mellor e divertímonos moito máis", recoñece. "Gañamos o premio porque fixemos un gran traballo, puxémonos moi contentos coa nova", engade. O podcast gañador tratou sobre a cultura e o patrimonio cultural de Galicia e da Limia. "Antón Fraguas traballou moito neste senso e tivo moito que ver co Museo do Pobo Galego", di Manuela Rodríguez. 

O premio serán 1.000 euros que se invertirán en mellorar estas instalacións.

Te puede interesar