O Camiño das Aforadas, en Xinzo, xa é máis transitable

undefined
photo_camera A nova imaxe do camiño que comunica a OU531 coa N525.
O seu arranxo, impulsado por Xinzo e Sandiás, era unha vella demanda

Os Concellos limítrofes de Xinzo de Limia e Sandiás uníronse novamente na procura do ben común e para solicitar conxuntamente á Xunta de Galicia o arranxo do Camiño das Aforadas, un vial moi transitado que presentaba un “grave deterioro” e que urxía a remodelación do seu firme para gañar en seguridade. 

A axuda, vencellada á creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos para a prestación de servizos municipais -o vial dá acceso a empresas dedicadas ao sector agrícola ou da metalurxia-, foi concedida e ascendeu a 50.000 euros, o que permitiu a execución das obras. 

Xinzo e Sandiás aportaron, pola súa banda, a contía restante -o 50 por cento- ata chegar aos 75.294 euros que fixeron posible, entre outras melloras, a limpeza das cunetas e a reparación do pavimento con oito centímetros de aglomerado. 

O Camiño das Aforadas, dun quilómetro aproximado de lonxitude, comunica a estrada autonómica en dirección a Celanova –OU531- coa estrada Nacional 525 e na actualidade xa amosa, tal e como subliñan dende o Consistorio limiao, “unha imaxe moi distinta á de anos atrás”. 

“MOI NECESARIO”

O concelleiro de Urbanismo de Xinzo, Ramón Gómez Salgado, asegurou que con estes traballos cumpriuse cunha demanda que se remontaba a tempo atrás e que se viu agravada polo estado de deterioro que presentaba o firme: “Hai empresas importantes na zona dedicadas a diferentes sectores e o tránsito de vehículos pesados é constante, polo que o arranxo era moi necesario”, manifestou o concelleiro de Alternativa por Xinzo de Limia.

Te puede interesar