A LIMIA

Os candidatos do PP propoñen un cambio cara a agricultura 4.0

Os populares charlaron cos técnicos do Centro Agrogandeiro.
photo_camera Os populares charlaron cos técnicos do Centro Agrogandeiro.

Os populares coincidiron na idea de loitar por unha transición baseada na innovación, a dixitalización ou a aplicación das novas tecnoloxías 

Os candidatos do Partido Popular ao Congreso e ao Senado pola provincia de Ourense, acompañados polo que liderará a proposta da formación á alcaldía de Xinzo -Antonio Fernández Veiga- visitaron as instalacións do Centro Agrogandeiro da localidade para coñecer, en primeira persoa, a súa realidade, e trazar unha posible liña de traballo de cara aos próximos anos. 

Os populares coincidiron na idea de loitar por unha transición a prol dunha "Agricultura 4.0", baseada na innovación, a dixitalización, a aplicación das novas tecnoloxías e a implantación dun modelo de economía circular para o sector. 

Os candidatos escoitaron, durante a súa visita a Xinzo, as explicacións do xerente do Inorde -ao que pertence o Centro Agrogandeiro limiao-. José Manuel Rodríguez explicou aos populares a situación na que se atopa este servizo e, xunto cos seus técnicos, falou das principais liñas de traballo do centro. 

A cabeza de lista polo Congreso, Ana Vázquez, subliñou que o Centro Agrogandeiro de Xinzo "constitúe toda unha referencia para os agricultores da provincia, polo seu labor de investigación, análise e asesoría nun dos ámbitos básicos para o futuro do noso territorio, como é o sector agroalimentario", asegurou. "Está no centro das prioridades políticas do Partido Popular, por se tratar dun ámbito estratéxico para a provincia no tocante á cohesión territorial e como xerador de oportunidades no medio rural", engadiu. Os populares, aseguraron, farán "unha defensa sen ambigüidades" do sector.n

Te puede interesar