DÍA DAS LETRAS

Casas asume que as carpas do Día das Letras “eran mellorables"

O primeiro edil adiantou que traballará para mellorar neste senso e se procurará ter novas carpas de cara aos actos do vindeiro ano.

Ante as críticas do Partido Socialista de Xinzo polos toldos azuis que adoita empregar o grupo de goberno nos actos que promove e, concretamente, os que acolleron as actividades conmemorativas do Día das Letras Galegas na praza Maior, o rexedor local, Manuel López Casas, asumiu que "o continente non era o máis axeitado". O primeiro edil popular recoñeceu que as carpas "eran mellorables", pero engadiu que "o importante era o contido". 

Sen embargo, Casas subliñou que Xinzo "vén de vivir unha gran experiencia o ano pasado, no que se adicou o Día das Letras a Carlos Casares e que, en palabras dos representantes da Real Academia Galega e das persoas que nos visitaron, foi un éxito de organización", dixo. "Neste ano 2018, adicado a Maria Victoria Moreno, non houbo soamente un acto senon que se fixeron outros nos distintos centros escolares. Foi o caso do que tivo lugar no Carlos Casares para promocionar a cultura galega con representacións teatrais, unha regueifa e grupos de baile cos que este Concello participou e colaborou. Todo é mellorable, está claro, pero o que se fixo no centro da vila foi un acto máis dos que se levaron a cabo no resto de Xinzo, non hai que quedarse soamente con un", engadiu. 

O primeiro edil adiantou que traballará para mellorar neste senso e se procurará ter novas carpas de cara aos actos do vindeiro ano.

Te puede interesar