A LIMIA

O Casino Antelano recolle as imaxes de 22 fotógrafos

20190405194653219_result
photo_camera Algunhas das fotografías expostas no Casino Antelano de Xinzo.

Trátase da mostra "Luces e sombras" que se poderá visitar en Xinzo ata o día 30 de abril

Un total de 22 fotógrafos participaron na mostra colectiva "Luces e sombras", que se poderá visitar no Casino Antelano de Xinzo ata o vindeiro 30 de abril. A iniciativa está promovida pola Agrupación Fotosíntese de Ourense -en colaboración coa nova directiva do espazo limiao-, que vén de presentar a súa quinta exposición anual dende que se creara o colectivo durante o ano 2014. 

Tal e como explican dende a propia agrupación, as instantáneas amosan paisaxes, arquitecturas, modelos e panorámicas coas que pretenden visualizar a importancia dos contrastes, é dicir, a forza das sombras e das luces, "baixo un fío común". 

Os 22 autores tentarán achegar aos distintos visitantes á esencia da imaxe fotográfica dende os seus inicios, que pasa por conseguir "dominar" as luces e as sombras, os claroscuros, as tonalidades e as texturas que son perceptibles ao ollo humano no seu día a día. 

"Luces e sombras" chega a Xinzo, logo de ter finalizado o tempo de visitar a mostra fotográfica "Millas", de Bruno Taboada González. Nesta nova ocasión, os interesados en coñecer de preto a exposición de Fotosíntese, poderán achegarse ao Casino Antelano no seu horario de apertura habitual: de luns a domingo, dende as 14,30 horas ata as 22,00 horas. 

"Luces e sombras", que percorrerá toda a provincia, xa foi exposta en lugares como Ourense, e Carballiño cunha gran acollida do público.

Te puede interesar