O Centro Agrogandeiro de Xinzo renova o seu equipamento

Visita do presidente do Inorde ao Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro - 1
photo_camera Rosendo Fernández e Servando Álvarez en Xinzo.
Mellorará a calidade das analíticas e a eficiencia das rutinas de laboratorio

O Centro Agrogandeiro de Xinzo, entidade dependente do Inorde, vén de renovar o seu equipamento técnico para mellorar a calidade das analíticas realizadas e a eficiencia nos traballos do laboratorio. Neste senso, os técnicos do centro contarán cun novo equipo de espectrofotometría de absorción atómica "para continuar con esa política de mellora e actualización de equipos e métodos que o Inorde asume a través do mantemento da acreditación por ENAC para a realización de análises de solos", puntualizou o presidente da entidade, Rosendo Fernández, que se achegou ata Xinzo de Limia onde foi recibido polo responsable do centro, Servando Álvarez. "O obxectivo é seguir asegurando a calidade das analíticas, ademais de mellorar a eficiencia das rutinas de laboratorio atendendo ás novas prestacións de rapidez e conectividade que os novos equipos de medición aportan", engadiu Fernández.

Os técnicos do laboratorio agrario contaban dende a súa inauguración cun equipo de espectrofotometría de absorción atómica que permitía realizar medicións grazas á emisión de llama. A través de dito equipo realizábanse ao ano máis de 15.000 determinacións analíticas entre solos, foliares, augas e abonos orgánicos, o que arroxa ó longo dos seus 21 anos de servizo uns números de determinacións por riba das 300.000 medicións.

A técnica da espectrofotometría de absorción atómica amósase como unha técnica robusta e fiable para a determinación de nutrientes esenciais no solo como calcio, magnesio, potasio e sodio, ademais de permitir, grazas a marchas analíticas relativamente sinxelas, a determinación de metais pesados tales como o ferro, o cobre, o manganeso, o cadmio, o zinc entre outros e de elementos prexudiciais como elevadas concentracións de aluminio. Esta tecnoloxía permite que coa mesma técnica coa que se determinan os elementos mencionados en solo, tamén se poidan determinar noutras matrices sólidas como son as analíticas foliares e as composicións de abonos orgánicos e líquidas como as determinacións realizadas sobre augas para o seu emprego como augas de rega.

Apoiar ao sector primario

Malia a complicada situación económica actual, o Inorde considerou importante investir neste novo equipo para "apoiar ao sector primario que neste período tan convulso está a demostrar unha gran profesionalidade e vocación de servizo á comunidade", asegurou Rosendo Fernández. 

Nos modernos laboratorios de corte agrario é fundamental, din dende o Inorde, á hora de ofertar uns servizos acordes cos crecentes requirimentos técnicos que se lle esixen ós produtores, contar con equipamentos modernos e multifuncionais como o que ten o Centro Agrogandeiro.

Te puede interesar