proyecto social

O Centro O Viso continuará cos seus proxectos de índole social

Nenos atendidos nun dos proxectos do Centro de Desenvolvemento O Viso.
photo_camera Nenos atendidos nun dos proxectos do Centro de Desenvolvemento O Viso.
A entidade rural vén de recibir unha achega de 15.500 euros por parte da Deputación de Ourense

O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, entidade multidisciplinar rural cuxas sedes atópanse en Xinzo e en Lodoselo -Sarreaus-, poderá continuar adiante con diversos proxectos iniciados nos últimos anos grazas a unha nova achega de 15.500 euros por parte da Deputación de Ourense. Neste senso, e tal e como informaron dende o CDR, o primeiro deles será o que ten como obxectivo prestar atención ás necesidades básicas, apoio e asesoramento ós usuarios. Deste xeito, e grazas a unha subvención de 4.500 euros, procurarase mellorar a calidade de vida das persoas mediante servizos como o comedor social, hixiene, lavandería e roupeiro, no Centro de Inclusión de Lodoselo; ou o de reparto de comidas a domicilio, produtos básicos de alimentación, hixiene e outros bens de subministro básicos. 

Por outra banda, unha partida de 6.500 euros permitirá continuar co Proxecto Integral de Intervención Social na comarca da Limia. "A nosa proposta de valor diferencial é respectar un principio básico do traballo con persoas con necesidades: a máxima permanencia das mesmas nunhas condicións dignas no seu medio, a través dunha estratexia procesual e integral", explicou o promotor do CDR O Viso, Antonio Corbal. "Temos en conta a identidade rural, os modos de vida, a veciñanza, a axuda mutua, os costumes e o territorio", engade. 

Por último, dende este centro de carácter rural continuarase traballando na liña do reto demográfico cun plan específico de atención á familia e á infancia na Limia, para o que se contará cunha axuda de 4.500 euros. Un dos puntos máis importantes neste senso foi o programa de actividades que se realizaron ao longo destes últimos meses no Pobo Escola de Lodoselo e que continuará durante o Nadal cun programa de conciliación.


Eduación para todas as familias


O CDR seguirá a promover iniciativas pensadas para as familias ao completo. Será o caso da Educación Infantil Familiar na Limia, dirixidas a familias con nenos de entre cero e seis anos de idade.

O eixo vertebrador do programa son as xuntanzas de familia, espazo socioeducativo para todas as persoas que participan e apoio puntual a necesidades de conciliación, garantindo a posibilidade de que pais e nais poidan acceder a servizos de búsqueda de emprego, entrevistas laborais ou outras xestións persoais.Cada ano tamén se leva a cabo o Encontro de familias da Limia, que ten lugar no Pobo Escola de Lodoselo. Tamén seguirá adiante o Punto de Atención Educativa e familiar.

Te puede interesar