A Limia

André Taboada: "Coa desecación da lagoa perdeuse futuro na Limia"

A Limia

ENTREVISTA

André Taboada: "Coa desecación da lagoa perdeuse futuro na Limia"

André Taboada é un dos compoñentes máis xóvenes do Padroado.
photo_cameraAndré Taboada é un dos compoñentes máis xóvenes do Padroado.

O Vicepresidente do Padroado do Museo da Limia de Vilar de Santos fala sobre as posibilidades que ofrecía o extinguido espazo natural na Limia

Que aconteceu na Limia un 8 de setembro de 1958? Lográronse na comarca os obxectivos que se perseguían coa desecación da Lagoa de Antela? Que se perdeu tras este proceso? Existe un descoñecemento sobre a historia do extinto espacio lacustre? Estas e outras tantas, serán as preguntas que tratarán de respostarse durante o primeiro congreso que analizará, en Vilar de Santos, a desecación da lagoa antelana. A actividade terá lugar hoxe, ás 17,00 horas, no Museo da Limia e estará coordinada por un dos integrantes máis novos do Padroado, André Taboada. Por primeira vez reuniránse representantes de todos os sectores da comarca limiá, dende productores de pataca ata investigadores científicos do CSIC ou do Inorde.

Que se pretende con este encontro?

Queremos, dende o Museo da Limia, máis que chorar a Lagoa de Antela, celebrala e reivindicala. Tamén buscamos poñer de manifesto que neste territorio pódense levar a cabo actividades sustentables sen ter que perxudicar un espazo como era o da lagoa. Algúns dos poñentes veñen da súa contorna, como é o caso de Samuel Formoso, que ten unha explotación gandeira en Vilar de Gomareite. Dividimos o acto en dous bloques, un denominado "debate" e outro, "propostas".

Cal foi, por aquel entón, o obxectivo da desecación?

Foi o aproveitamento agrogandeiro, pero quedou, sen dúbida, moi por debaixo das expectativas. Se miras os planos, parecía que a desecación ía a conseguir a mellor área agrogandeira de todo o estado e non foi así.

Existe unha confrontación social sobre se foi ou non positivo aquel proceso?

Si, e está claro que o Museo non pode ser alleo a que hai diferentes sensibilidades. Sen ir máis lonxe, nestas xornadas imos a ter xente que vén da universidade ou do ámbito da investigación, como Serafín González, ata o presidente da Asociación de Productores de Pataca como Amador Díaz ou persoas que se dedican a algo tan concreto como o sabugueiro, como os responsables de Carabuñas. O debate é provocado pola nosa parte para confrontar distintas opinións. A evidencia é que a desecación da lagoa foi un desastre medioambiental pero a partir de aí xorden distintas sensibilidades.

Os limiaos demandaban nos anos 50 terras de cultivo?

Naqueles anos, durante o franquismo, fíxose unha propaganda masiva para que aceptasen de bo grao aquela decisión. Había e hai unha ambivalencia, por un lado recoñecen que foi un desastre medioambiental pero, polo outro, aseguran que era necesario. Hoxe en día as maiores fincas de toda a Limia están na lagoa e son dun número reducido de campesiños, ¿realmente foi tan necesario?. Por outra banda, a desecación non serviu en absoluto para frear o éxodo. A comarca chegou ao seu pico demográfico nos anos 50, antes do proceso, cando fomos 50.000 limiaos. Agora somos 20.000.

Por que non se contará hoxe con ningún dos artífices da desecación?

É unha xornada que se centrará en productores e agricultores que interveñen, hoxe en día, no territorio. Conmemoramos a lagoa mirando para o futuro, non para o pasado.

Cal lles gustaría que fose o futuro para a lagoa?

Que se puidesen facer actuacións parciais que implicasen unha recuperación parcial de parte da lagoa, aínda que sería unha utopía reestablecer os 42 quilómetros cadrados que tiña. Creo que foi algo irreversible. Tamén sería positivo intentar modificar certos comportamentos do que é a agricultura industrial a prol dunha maior sustentabilidade na zona.

As extraccións areiras da zona contribúen a esa recuperación?

A extracción é un proceso artificial e as características das pozas, ademais de ser máis profundas, son distintas ás da lagoa. O réxime natural é distinto pero si que é verdade que, algunhas das dos anos 70 que levan tempo naturalizadas pola falta de explotación das mesmas, propiciaron o regreso dalgunhas especies.

Que se perdeu coa Lagoa de Antela?

Perdeuse todo: futuro, biodiversidade, promoción turística e autoestima colectiva dos limiaos.

Pensa que hai un descoñecemento xeneralizado da lagoa e da súa historia?

Absoluto. Estamos ante o primeiro congreso e a penas contamos co libro de A memoria asolagada, eso si, moi bo. Dende a Deputación deberían facer todo e máis para reivindicar o legado da Lagoa, máis alá de poñer hipódromos aquí.