A comarca da Limia será sede dun plan pioneiro de xestión ambiental

photo_camera O director xerente de Arrate Energy Corp, Joaquín Sanz, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar.
O proxecto desenvolvido entre a Deputación e o Grupo Arrate prevé xerar ata 50 empregos 

A provincia de Ourense e, concretamente, a comarca da Limia por concentrar o maior número de explotacións agrogandeiras -conta, neste senso, cunha superficie de 20.000 hectáreas cultivadas- foi escollida para ser a sede dun proxecto integral de xestión ambiental que prevé a instalación dunha planta de biogás, biometanización, solar fotovoltaica e de obtención de hidróxeno, ademáis da xeración de medio cento de postos de traballo directa ou indirectamente. 

Trátase dun plan coordinado entre a Deputación de Ourense -que dá deste xeito outro paso en favor de acadar unha maior calidade medioambiental e frear o cambio climático, un dos seus compromisos- e Arrate Energy Corp, onde a estratexia de traballo pasa por unha aposta pola innovación que permita acadar os obxectivos de transición enerxética nos territorios onde opera, apostando polo desenvolvemento de proxectos de I+D+i como poden ser a hibridación enerxética por fontes renovables e a produción de bioenerxía e hidróxeno verde. Precisamente, o presidente da Administración provincial, Manuel Baltar, e o director xerente da compañía, Joaquín Sanz López, mantiveron un encontro na sede da Deputación para establecer obxectivos en común á hora de desenvolver este proxecto que procurará a xestión integral de residuos de orixe orgánico na provincia de Ourense.

A iniciativa planeada para Ourense consiste nunha planta de xestión integral de residuos que contempla catro liñas de actuación: planta de biogás, planta de biometano, planta solar fotovoltaica e planta de produción de hidróxeno verde, que no seu conxunto dan como resultado un proxecto sostible e pioneiro no ámbito nacional. A planta de biometanización proxectada terá unha capacidade anual inicial de 72.000 toneladas de residuos orgánicos procedentes de macrogranxas, cultivos intensivos, matadoiros, industria alimentaria e restos de silvicultura entre outros. A instalación estará abastecida enerxéticamente pola planta fotovoltaica de 2,5 megavatios en fase inicial. Tralo tratamento, obteríase biogás para inxectar na rede, enerxía calorífica para o propio proceso, e un residuo fermentado que pode ser empregado como fertilizante. O proxecto pode xerar en fase inicial ao redor de 50 empregos directos e indirectos.

Un plan para "xerar valor no territorio"

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, ensalzou a importancia de xerar vínculos entre as administracións e as empresas privadas para acadar o desenvovemento de proxectos innovadores e de gran relevancia: "A xestión dos gobernos locais e intermedios xoga un papel esencial na captación e fixación no territorio de iniciativas empresariais baseadas na sostibilidade e na descarbonización, que impulsen modelos locais de economía circular que no curto e medio prazo traerán consigo desenvolvemento tecnolóxico e equilibrio medioambiental; unha estratexia 'win-win' para todos", subliñou o presidente autonómico. "Este proxecto comparte a mesma visión e compromiso que as accións do goberno provincial recollidas no plan de mandato 7273, e o éxito do plan suporá unha gran aportación de Ourense na loita contra o cambio climático e na súa contribución ao logro dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible", engadiu. Pola súa banda, Joaquín Sanz destacou que "Ourense é unha aposta do Grupo como punto de partida en Galicia para a implantación de proxectos de economía circular que proporcionan unha solución para a xestión dos residuos orgánicos, en liña có obxectivo da Unión Europea". 

Te puede interesar