A LIMIA

O Concello de Vilar de Santos quere captar novas empresas

<p></p>
photo_camera O polígono industrial de Vilar de Santos ten 30.000 metros cadrados de solo dispoñible.

O goberno poñerá en marcha en abril o Centro de Iniciativas, un espazo con servizos a emprendedores 

O goberno de Vilar de Santos vén de impulsar un plan de acción, que inclúe medidas concretas na totalidade do territorio municipal e nos distintos sectores productivos, e que ten como principal obxectivo dinamizar a actividade económica para motivar a instalación de novas empresas e negocios.

Dunha banda, o goberno local conxelará as taxas e impostos municipais para o presente 2018. Neste senso, os posibles incrementos nos custes dos servizos non serán repercutidos e serán asumidos polo Concello. Outra das medidas importantes será a posta en marcha durante o mes de abril do Centro de Iniciativas, un espazo integral de servizos para emprendedores.


Máis solo industrial


Co obxectivo de axudar ás empresas e proxectos empresariais que precisen de solo industrial para establecerse, o ente local poñerá á disposición daquelas persoas interesadas en alugar ou mercar solo industrial do polígono de Santa Marta uns 30.000 metros cadrados a un prezo final fixado en 20 euros o metro cadrado. Nesta liña facilitarase a adquisición das parcelas mediante arrendamento con opción de compra. A renda quedará fixada no 6 por cento anual do prezo de venda de cada parcela. A duración do contrato de arrendamento será de dous ou catro anos.

Por outra banda, o Concello de Vilar de Santos adheriuse recentemente á iniciativa "Concellos Doing Business Galicia", promovida en colaboración coa Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias, e que entrou en vigor na comisión técnica de do pasado martes. Entre as medidas contempladas están a modificación da Ordenanza fiscal reguladora dos impostos sobre Bens Inmobles, Construccións e Actividades Económicas e que fixará bonificacións, de entre o 50 e o 95 por cento, durante un periodo de tres anos para proxectos novos ou ampliacións dos existentes que creen emprego.

O rexedor de Vilar de Santos, Xan Jardón, asegurou que o obxectivo do seu goberno é seguir "impulsando un modelo propio, que fomenta e apoia a economía produtiva e a diversificación dos nosos recursos".

Te puede interesar