O Concello de Xinzo entregará aos colexios da vila 60 árbores

A iniciativa enmárcase na conmemoración do Día Mundial das Árbores que se celebrará mañá

Con motivo da conmemoración do Día Mundial da Árbore, o Concello de Xinzo entregará ás asociacións de pais e nais dos colexios da vila -Carlos Casares e Rosalía de Castro- un total de 60 exemplares para que poidan ser sorteados entre o alumnado. 

O obxectivo deste xesto "simbólico" é, tal e como aseguraron dende o goberno local, "sensibilizar ao alumnado sobre a importancia das árbores, ademais de ofrecerlles a posibilidade de plantar unha e poder facer un seguimento do seu crecemento".

Con esta iniciativa, o Concello de Xinzo cumpre así unha das propostas achegadas ao "pleno infantil" celebrado esta mesma semana na vila, no que os cativos de cuarto de primaria do CEIP Rosalía de Castro instaron á alcaldesa, Elvira Lama, e ao concelleiro responsable de Obras, Ramón Gómez Salgado, a "plantar máis árbores", así como a velar polo coidado de espazos públicos e "controlar" que non se lance lixo ao chan. "Despois deste duro ano de pandemia, adquirimos unha especial conciencia da imperiosa necesidade de protexer e preservar o medio natural, especialmente desde idades temperás e a través da educación", apuntan dende o goberno local de Xinzo, dende onde se ten promovido un traballo de saneamento e plantación de novas árbores nos espazos públicos do termo municipal encargado a un doutor en investigación agraria e a unha enxeñeira forestal e que comezou por un exhaustivo estudo da saúde das distintas especies.

Te puede interesar