O Concello de Xinzo mellorará os distintos accesos aos pobos

Nunha primeira actuación beneficiáronse 350 veciños dos núcleos de Boado, Pidre e Piñeira Seca

O Concello de Xinzo vén de inaugurar un novo plan de mellora e acondicionamento dos accesos a todos os pobos do municipio, que conta con 20 parroquias e 32 núcleos de poboación.

Os primeiros termos beneficiados logo desta intervención foron os preto de 350 veciños de Boado, Pidre e Piñeira Seca. Estes tres núcleos xa gozan dos renovados accesos viarios a cada un deles desde a estrada que une Xinzo con Sarreaus. 

A actuación, promovida polo Concello de Xinzo, foi financiada con cargo a unha subvención de 45.700 euros da Deputación de Ourense.

Os traballos de mellora e acondicionamento tamén incluíron a pista que vai dende a OU-1105, Xinzo-Sarreaus, ata a N-525, moi utilizada tamén por vehículos agrícolas para a carga de descarga de patacas nos almacéns deste entorno.

En total, e segundo fontes municipais, foron preto de 3,5 os quilómetros de vías rurais renovados cunha actuación que consistiu, fundamentalmente, na reparación das fochancas da estrada e na mellora da capa de rodadura. Elvira Lama e os concelleiros de Medio Rural e Obras, Amador Díaz e Ramón Gómez, visitaron as obras.

Te puede interesar