O Concello de Xinzo pedirá autorización para usar antixermolante

No pleno deste xoves tamén se incluirá o expediente de honra ao recén ascendido capitán da Garda Civil, José Luis Casas

O Salón de Plenos do Concello de Xinzo acollerá este xoves, ás 09,30 horas, a celebración dunha sesión plenaria que incluirá o debate sobre a aprobación definitiva do orzamento, o cal ascende a oito millóns de euros -no tocante ao capítulo de Inversións Reais, este roza o millón: 962.750 euros-. 

O pasado 25 de febreiro deuse luz verde -inicialmente- ás contas para este 2021 cos votos favorables de todos os partidos con representación na Corporación Municipal, a excepción do Partido Popular. 

Por outra banda, na sesión deste xoves tamén se debatirá unha moción conxunta do Partido Socialista, Alternativa por Xinzo de Limia, Xinzo Adiante, Bloque Nacionalista Galego e da concelleira non adscrita para solicitar ao Goberno Central a autorización excepcional na Comarca da Limia do uso do antixermolante DMN para mellorar a capacidade de almacenamento das patacas. A Comisión Europea xa non permite  o emprego de Clorprofam e unha das solucións que se están adoptando noutros países pasa polo uso do 1,4-Dimetilnaftaleno -DMN-. 

No pleno de Xinzo, que se retransmitirá vía "online", tamén se tratará a modificación do regulamento do servizo de abastecemento de auga potable e do servizo de vertidos á rede de sumidoiro do Concello.

Te puede interesar