O Concello de Xinzo solventará os cortes de luz na rúa Río Miño

río Miño
photo_camera Entorno que sufriu nos últimos meses incidencias co servizo de luz.
Segundo explicou o titular da área de Urbanismo de Xinzo, Ramón Gómez Salgado, para levar a cabo estas obras seguirase o procedemento de reparación “sen gabia”, un “innovador método”

O Concello de Xinzo solventará a problemática existente co saneamento no entorno da rúa Río Miño que, nos últimos meses, ocasionou cortes de luz e o malestar da veciñanza. 

A actuación, que foi adxudicada recentemente á empresa Viaqua, consistirá na impermeabilización das conducións de saneamento para evitar a filtración ás instalacións de Naturgy, circunstancia que ocasionaba os molestos e recurrentes cortes de luz. Os traballos contarán cun orzamento total de 23.292 euros. 

Segundo explicou o titular da área de Urbanismo de Xinzo, Ramón Gómez Salgado, para levar a cabo estas obras seguirase o procedemento de reparación “sen gabia”, un “innovador método” co que se prevé que se ocasionen as mínimas molestias aos veciños da zona.

O Concello de Xinzo, tamén da man de Viaqua e de Naturgy, traballou nos últimos meses para solucionar os problemas existentes na rede de saneamento do entorno das vivendas da rúa Ladeira e a zona do Polígono onde, a comezos de febreiro, rexistraronse numerosos cortes de luz nun corto período de tempo, causando un profundo malestar na zona entre a veciñanza que se atopaba teletraballando ou facendo as tarefas do fogar.

A principios de ano, técnicos de Viaqua acometeron, cun camión especial, unha limpeza do colector da rúa Río Miño, para revisar os tramos máis críticos nos que se rexistran os escapes na rede de saneamento. Do mesmo xeito, levouse a cabo unha inspección cunha cámara para tratar de localizar o foco da problemática e atallalo. Unha vez que se substituiu o cableado eléctrico, o Concello de Xinzo adxudicou esta obra para actuar sobre o saneamento, confiando en solucionar así, definitivamente, os cortes de luz que se suceden na zona.

Te puede interesar