AGRICULTURA

Os concellos se movilizan para evitar a praga da pataca

2op9865_result
photo_camera Reunión que se celebrou o venres en Sandiás para debater sobre a praga da pataca.

Xinzo convoca un pleno extraordinario urxente e a Indicación Xeográfica Protexida organiza unha reunión

Os principais responsables dos Concellos da Limia están iniciando unha serie de mobilizacións co obxectivo de reclamar información sobre a couza guatemalteca que afecta á pataca e de instar aos organismos competentes a que adopten as medidas necesarias para evitar a chegada desta praga á comarca.

O Concello de Xinzo ven de rexistrar unha convocatoria de pleno extraordinario a prol de que se adopten medidas de carácter urxente por parte das distintas administracións para o control da praga da polilla guatemalteca na pataca.O pleno terá lugar mañá xoves, 23 de febreiro ás 11.00 horas na Casa do Concello. 

O mesmo día, ás 12.00 horas, no salón de actos do Consistorio de Xinzo, a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia celebrará unha reunión informativa para aos seus afiliados á que asistirán técnicos da Consellería de Medio Ambiente para explicarlles a situación actual vencellada á praga da couza guatemalteca.

 O alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, acudiu, acompañado dun productor, dun almacenista e dun sindicalista do sector agrario, a unha reunión coa directora xeral de Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. Traveso transmitiulle á directora "a inquietude existente na comarca pola problemática da couza da pataca". Nesta liña, o rexidor de Sandiás pediu máis información sobre as medidas que se están adoptando pola Xunta en materia de prevención e erradicación da couza, e solicitou a asistencia de varios técnicos de Medio Rural a unha nova asemblea que se celebrará a vindeira semana en Sandiás, co propósito de continuar informando aos profesionais do sector da pataca. "Queremos que os productores e almacenistas teñan información de primeira man", sinala Traveso. O alcalde explicou que "hai que transmitirlle a todo o mundo que a pataca da Limia ten unha saúde excelente e que, a día de hoxe, non existe a praga na comarca". 

Cinto de seguridade para a comarca

O sindicato Unións Agrarias da man do seu responsable de Agricultura, José Ramón González, solicitou, nunha reunión mantida coa Consellería de Medio Rural na que se abordou a problemática da praga da couza guatemalteca que afecta á pataca, o establecemento dun cinto de seguridade para evitar que a praga chegue ás zonas de Carballo (A Coruña), Vilalba (Lugo) e a comarca da Limia.   O sindicato reclamou tamén a identificación das parcelas afectadas por esta praga e pediu que a Xunta actúe con contundencia. Nesta liña, a agrupación asegura que "é imprescindible habilitar unha partida orzamentaria que permita indemnizar o lucro cesante para que o agricultor non caia na tentación de facer plantacións clandestinas". 

Te puede interesar