FORMACIÓN

O Conservatorio de Xinzo aumenta o número de matrículas a 130

<p></p>
photo_camera Os alumnos do Conservatorio de Xinzo na actuación do pasado fin de curso.

 Compaxina a docencia musical na comarca coa Agrupación de A Limia, que atende a 80 alumnos

O Conservatorio Profesional de Música de Xinzo aumentou en dez o número de matriculacións con respecto ao ano anterior. Concretamente, este ano ocupan as aulas do centro docente un total de 130 alumnos, fronte aos 120 do curso pasado. Este incremento foi máis notable nos cursos de iniciación musical e de música en movemento, que están dirixidos a nenos e nenas de entre seis e sete anos. O Conservatorio de Xinzo ofrece este curso académico as seguintes especialidades: piano, violín, viola, guitarra, frauta travesa, clarinete, saxofón, trompeta, trombón, trompa, tuba e acordeón.

Dende o centro limiao aseguran que no que atinxe as ensinanzas impartidas, están a notar un gran incremento do alumnado que se está a favorecer da posibilidade de validar algunhas das materias que cursan no centro, coas que cursan nas ensinanzas secundarias e de bacharelato. Varios alumnos que solicitaron estas certificacións poden chegar a prescindir de ata seis horas semanais de clases, horas que poden empregar para estudar ou reforzar distintas materias.

Tamén aumentou o número de alumnos que solicitaron becas do Ministerio de Educación para estudar as ensinanzas do Grao Profesional de Música. Os beneficiarios destas axudas poden chegar a percibir máis de 2.000 euros.

Apoio da agrupación

O director da Agrupación Musical da Limia, José Tielas, manifestou que "todos tenemos que apoyar al Conservatorio de Xinzo". Neste senso, Tielas sinalou que hai anos este centro "asumió una serie de competencias que no le correspondían, como fueron las de dar clases entendidas de una manera más lúdica". "El concello asumió que había que separar una formación profesional de otra más básica y, por ello, formamos la Agrupación Musical de A Limia", explica José Tielas. "Es una manera de dignificar el Conservatorio, de entenderlo como una carrera profesional", engade.

A Agrupación Musical ten, na actualidade, 80 alumnos, 16 hai na Escola de Dirección e 20 na Banda Infantil. Outro problema que existía era que o Conservatorio non podía asumir tantas matriculacións. O presuposto da Agrupación ronda os 20.000 euros mentres que o do Conservatorio supera os 100.000. 

Celebración da patroa Santa Icía coa agrupacion musical

O Conservatorio de Xinzo ten no seu calendario escolar diversas actividades programadas ao longo do curso para fomentar e difundir a música entre os seus alumnos e o resto dos rapaces da comarca. Entre elas estará a festividade de Santa Icía, patroa da música, que se celebrará este venres, día 24 de novembro. Para este evento, o Conservatorio organizará un concerto aberto e gratuíto para todo o público que desexe asistir. A función correrá a cargo do grupo de cordas "Lugo Camerata" e, a continuación, organizarase unha merenda para todo o alumnado do Conservatorio promovido pola súa asociación de pais e nais. Será na Casa da Cultura de Xinzo, a partir das 19,00 horas. Por outra banda, a Agrupación Musical da Limia participará o sábado e, por primeira vez, no Certame Galego de Bandas. Competirá en segunda sección (50-70 compoñentes) contra as bandas de Sanxenxo e de Caldas de Reis. "Estamos comezando a participar en certames", asegurou José Tielas. "O ano pasado fixemos carto posto no Internacional de Toro", engadiu. 

Te puede interesar