Rehabilitación

A consolidación da Torre de Porqueira costará 71.000 euros

As actuacións centraranse na cuberta, a carpintería e as instalacións, onde é preciso intervir

A Xunta de Galicia vén de dar un paso máis na aposta pola conservación do sistema defensivo da Limia, integrado polas torres de Pena, en Xinzo de Limia; Ceme, en Rairiz de Veiga; Castro, en Sandiás e Fírbeda ou Forxa, en Porqueira. Precisamente, a Administración Autonómica acaba de adxudicar os traballos de mellora desta última por un importe de 71.000 euros -o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aportará o 80 por cento do coste total da intervención-. 

Esta actuación permitirá poñer en valor este elemento declarado Ben de Interese Cultural -BIC- nun prazo de tres meses. Concretamente, procederase a  avaliar as posibles deficiencias, corrixir as patoloxías existentes e mellorar o estado de conservación deste importante elemento do patrimonio histórico da Comunidade Galega. Centrarase na situación actual da cuberta, da carpintería e das instalacións onde é preciso intervir co obxectivo de conservar a súa aparencia orixinal do século XII. 

Deste xeito, logo de avaliar as deficiencias e considerar as patoloxías existentes, desmontarase e eliminarase a carpintería metálica da cuberta e das tellas e placas para instalar un illamento térmico e cubrir con nova tella de cerámica. Ademais, debido a que a carpintería actual non impide a entrada de auga, cómpre crear unha nova de madeira que evite o deterioro dos elementos interiores. Os traballos inclúen a substitución do pararraios e a instalación dun proxector LED.

Te puede interesar