A cultura en galego será hoxe máis asequible na vila de Xinzo

carte2
photo_camera Un dos carteis que se exhibirá nun dos establecementos participantes, a libraría Galaica.
O Concello chegou a un acordo coas librarías para rebaixar nun 30 por cento os libros nesta lingua

Celebrar a cultura e a lingua galega promovendo a difusión de libros no noso idioma é o obxectivo do Concello de Xinzo que, logo de chegar a un acordo coas librarías da vila, impulsará a venda de exemplares escritos en galego cunha rebaixa do 30 por cento sobre o seu prezo orixinal. 

Unha das librarías da vila, Galaica, propuxo a idea do desconto ao Goberno local, quen confirmou, a través do voceiro de Cultura, Ramiro Rodríguez, a súa predisposición a sufragar o 20 por cento -as librarías aportarán o 10 restante- da rebaixa en cada obra en galego para tentar, deste xeito, dinamizar as vendas no eido da cultura, moi mermadas nos últimos tempos por mor da crisis provocada polo covid-19, segundo aseguraron dende este tipo de establecementos comerciais da vila limiá. "Este ano, debido ao confinamento, non se celebrou o Día das Letras Galegas e, por este motivo, non puidemos facer actos nin promocións como outros anos", asegura María Concepción Conde, responsable da libraría Galaica de Xinzo. "A rebaixa é aplicable a libros e contos en galego e todo o que se faga no noso idioma", engade. 

Os descontos realizaranse durante toda a xornada de hoxe sábado nas oito librarías da vila que, segundo o edil de Cultura, Ramiro Rodríguez, se sumaron a esta iniciativa -Galaica, Vidal, Nobel, MCT, Saraiba, Follas Novas, Naville e Carlín-. "Vimos con bos ollos o feito de incrementar a nosa participación nos descontos para cumprir varios obxectivos: dinamizar as vendas nas librarías e conseguir que hoxe sexa unha xornada un pouco especial, xa que non se vai a poder facer nada máis", explicou o concelleiro limiao. "Dende Cultura falamos con todas as librarías e todas decidiron adherirse, participar e aplicar este desconto", engade. Con esta iniciativa, a vila limiá sumarase á conmemoración do Día das Letras Galegas que, por mor do estado de alarma, tivo que adiarse o pasado 17 de maio e que terá lugar hoxe, día 31 de outubro, na memoria do escritor Ricardo Carvalho Calero. 

Algúns dos establecementos participantes contribuirán a crear ambiente con música e decoración. "Poñeremos música en galego para animar a xornada. Nós, habitualmente, cada conmemoración do Día das Letras Galegas nos achegábamos ata a praza Maior de Xinzo, pero este ano non se pode ir a ningún lado", lamenta María Concepción Conde, quen agarda que sexa unha xornada ben acollida polos veciños para axudar ao sector das librarías a remontar as vendas nestes tempos difíciles.

Te puede interesar