Delfín Caseiro Nogueiras: "Tovar seguiu a liña de San Francisco de Asís como defensor dos animais"

Delfín Caseiro Nogueiras
photo_camera Delfín Caseiro Nogueiras
Delfín Caseiro Nogueiras presentará hoxe no Museo da Limia de Vilar de Santos 16,30 horas o libro “Antón Tovar: Antoloxía Poética”, editado por Xerais e que reúne 67 textos dos sete poemarios galegos escritos polo autor galego ordenados, en 12 apartados, de xeito temático e cronolóxico. A iniciativa, tal e como subliña o propio Delfín, partiu do académico Xesús Alonso Montero, un dos grandes “valedores” de Tovar. A familia de Tovar cedeu ao Museo da Limia os dereitos de autor da edición.

Por que se decidiu a facer esta publicación?

A intención foi facer unha antoloxía o máis representativa posible da creación poética de Tovar, procurando que os sete poemarios estivesen presentes nela. O resultado é bastante homoxéneo, aínda que do que máis hai é do poemario “Calados esconxuros”, que foi o que lle deu máis satisfaccións. Aúna as dúas vertentes da súa creación: A intimista e introspectiva, e a máis social e combativa. 

Que tipo de temáticas relatan os poemas?

Malia ter sido un poeta solitario, Tovar sempre estivo moi atento á realidade social. Foi moi sensible á situación dos desherdados e dos que estaban na marxinalidade. E non soamente o foi con persoas, senón tamén con animais. El tiña devoción polos cans. Un dos seus poemas, “O can”, foi premiado na década dos 60. El sentía os cans como seres vivos moi próximos e case tiña un sentimento de irmandade. Na posguerra había moitos abandonados. El seguiu a liña de Francisco de Asís como defensor dos animais. Outro polo que sentía auténtica devoción era o boi. Para el era un símbolo da calma, da tranquilidade, da paciencia e do esforzo. 

El tiña can?

Si, o tivo na casa familiar. 

Como foi a vida de Antón Tovar?

Pois o seu pai morreu moi novo e esto foi algo que a el lle marcou moito. Tovar tiña oito irmáns e tocoulle asumir esa responsabilidade familiar. Comezou a traballar moi novo en Facenda para poder levar cartos á súa casa. 

A escritura comezou sendo unha actividade complementaria, entendo. 

El sentiu a escritura dende moi novo. Tiña esa vocación de escritor e de poeta. Mantivo, dende sempre, moita relación con Vicente Risco, mesmo familiar: A nai de Tovar era prima da muller de Risco, quen enseguida lle facilitou libros galegos, portugueses, en español… Tovar tamén estudou maxisterio e aprobou as oposicións de contador de Facenda, o que lle permitiu ter un salario digno e soster á familia. 

Facendo a recapitulación dos traballos de Tovar para a antoloxía, houbo algo que o sorprendera ou que non coñecese?

Hai poemas inéditos manuscritos del. El escribía todo manualmente e houbo textos que non entraron en ningunha publicación. 

Como tivo acceso a eles?

Porque esa documentación cedeuna ao Concello de Rairiz, que o fixo fillo predilecto. 

É unha antoloxía para volver a reivindicar a Antón Tovar?

Si. O que facemos, tamén, é culminar os actos de celebración do centenario do seu nacemento. 

Continúan no Museo da Limia liderando as peticións para que Tovar teña o seu Día das Letras?

Pois si. E solicitaremos adhesións para que no 2024 poida ser así.

Te puede interesar