A Deputación reforza a venda “online" de produtos do campo

María Teresa Joga e Manuel Baltar
photo_camera María Teresa Joga e Manuel Baltar reunironse de xeito telemático.
Achegará 40.000 euros a Adegal para aupar o comercio electrónico e a creación de páxinas web

A Deputación de Ourense vén de dar un paso máis no seu compromiso co sector agrogandeiro da Comarca da Limia a través do seu reforzo económico. 

Este venres, o presidente provincial, Manuel Baltar, e a responsable da Asociación de Empresarios, Gandeiros, e Agricultores da Limia -Adegal-, María Teresa Joga, mantiveron un encontro de traballo de xeito telemático no que abordaron a situación actual do sector. Ademais, a xuntanza serviu para que ámbalas dúas entidades, a través dos seus máximos representantes, acordaran levar adiante unha alianza de colaboración que se traducirá en diferentes iniciativas de apoio ao sector que representa a mencionada asociación na Limia. Neste senso, a entidade provincial achegará á agrupación de gandeiros e agricultores limiaos 40.000 euros de axuda. 

Non é a primeira vez que a Deputación de Ourense colabora con esta entidade limiá, tal e como recordou Manuel Baltar: "Con Adegal, a Deputación xa mantivo liñas de cooperación nos últimos anos", dixo o presidente provincial. "E agora acordamos aprobar unha axuda para este ano de ao redor dos 40.000 euros para contribuír aos gastos de funcionamento da entidade pero, sobre todo, para fortalecer temas relativos á divulgación entre agricultores, gandeiros e propietarios de explotacións agrarias, das vantaxes do comercio electrónico e da creación de páxinas web para dar saída aos produtos agroalimentarios, singularmente, a pataca da Limia", expresou o presidente da Deputación.

Por último, o presidente da Deputación ensalzou a labor que realiza a asociación e defendeu que Adegal "pode ser un instrumento importante, xunto co Centro de investigacións agroalimentarias que a Deputación ten en Xinzo de Limia, nun medio rural que ten demostrado ser un sector estratéxico nesta pandemia, e nunha provincia, Ourense, que é a gran despensa de Galicia". 

Por outro lado, este venres publicouse no Diario Oficial de Galicia o novo regulamento orgánico da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. A principal novidade no documento atópase na inclusión de dúas novas variedades de pataca: agria e fina de Carballo, que se suman á kennebec, ata agora, a única variedade admitida dentro da Indicación. 

A segunda modificación ten que ver coa extensión, a todo o territorio galego, da área xeográfica delimitada. Anteriormente a producción limitábase a Bergantiños, Terra Cha, Lemos e A Limia.

Te puede interesar