REPORTAXE

E ti, que lembras da Lagoa?

Decenas de persoas ateigaron o Casino Antelano para coñecer o resultado do traballo sobre a Lagoa de Antela (MIGUEL ÁNGEL).
photo_camera Decenas de persoas ateigaron o Casino Antelano para coñecer o resultado do traballo (MIGUEL ÁNGEL).

Mozos do Instituto Lagoa de Antela de Xinzo presentaron onte un proyecto multidisciplinar sobre o extinto espazo lacustre desecado hai 60 anos na Limia. Nel contaron con testimonios de veciños, estudosos e políticos.

Alumnado de cuarto curso da ESO e primeiro de Bacharelato do Instituto Lagoa de Antela de Xinzo decidiu aportar o seu grao de area á recuperación da memoria asolagada do espazo lacustre que bautizou o seu centro de ensino. Preto de 60 estudantes, organizados en pequenos grupos, realizaron un proxecto multidisciplinar no que afondaron na historia, a toponimia, a riqueza natural e a biodiversidade da contorna limiá contando, para elo, coa axuda dos seus mestres, pero tamén con técnicos da Sociedade Galega de Historia Natural, políticos comprometidos como Xan Xosé Jardón ou estudosos tan recoñecidos como Elixio Rivas. Onte, no Casino Antelano, presentaron as conclusións deste gran traballo que iniciaron hai nove meses. 

"A desecación da Lagoa de Antela foi un atentado ecolóxico, e vimos necesario rescatalo e traelo ás aulas", comezou dicindo Carmen Gómez, mestra de Lingua e coordinadora do equipo de Dinamización lingüística. "Queriamos incentivar o interese pola lagoa entre o alumnado e dignificar a nosa memoria", engadiu a profesional, que matizou que algúns dos seus compañeiros do centro xa levaban traballando anos en Dinámicas medioambientais na contorna. 

Os estudantes amosaron a valiosa información obtida durante este tempo e explicaron as conclusións das análises químicas realizadas nas augas. Neste senso, en algúns puntos determinaron o baixo nivel de osíxeno disolto nas canles da lagoa que, nalgúns casos, pode acabar coa vida de macroinvertebrados. 

Por outra banda, dixeron estar sorprendidos pola ampla toponimia da zona. Elixio Rivas explicou, nunha das entrevistas, a conexión entre as verbas "Limia", "Lama" e Lemos", vencelladas a lugares "encharcados ou húmedos". 

Os estudantes descubriron, da man dos seus familiares -aos que tamén fixeron entrevistas-, a riqueza perdida e a importancia que tivo a lagoa para o gando. Tamén a cantidade de especies como as avefrías, patos ou mirlos que, grazas á recuperación de veigas na zona, están retornando á Limia. 

O traballo completo está recollido no blog Proxecta Lagoa de Antela e, dende o equipo de profesores, pretenden seguir adiante coa investigación de cara ao vindeiro curso académico.

Te puede interesar