Enfermeiras de Xinzo asisten a un congreso internacional

María José Feijoo, Cristina Margusino, Cecilia Curieses e Cristina Martín.
photo_camera María José Feijoo, Cristina Margusino, Cecilia Curieses e Cristina Martín.

O grupo de enfermeiras que lidera Crisina Margusino e que promoveu as xornadas de atención sociosanitaria na Limia conseguiu a primeira beca de Medicina Rural que outorga a Asociación de Médicos Galegos e a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia. Por iso, este equipo participou a pasada semana no Congreso Internacional Wonca (a Organización Mundial de Médicos de Familia), na localidade irlandesa de Limerick. Ademais, este equipo de medicina familiar e comunitaria fíxose co premio ao mellor vídeo de presentación do proxecto no Wonca.

Foi precisamente despois do parón da pandemia, cando as xornadas de atención sociosanitaria resultaron premiadas coa primeira beca de Medicina Rural. Participaron unha ducia de poñentes entre profesores universitarios, médicos, enfermeiros ou traballadores sociais, entre outros. Este proxecto será agora compartido en Irlanda e poderá servir para guiar a outros expertos nesta especialidade. O obxectivo do congreso é compartir ideas e coñecer outros servizos do mundo e os traballos. Elvira Lama, a alcaldesa de Xinzo, quixo felicitar ao equipo dirixido por Cristina Margusino e mostrouse “profundamente satisfeita coa representación e co traballo das profesionais sanitarias do centro de saúde de Xinzo de Limia como referentes de atención primaria á cidadanía no congreso Wonca”. A rexedora engadiu que “o seu traballo e dedicación co rural son a base dun traballo premiado e recoñecido a nivel internacional”.

Te puede interesar