OBITUARIO

O Entroido limián de sempre

2020072520035841208
photo_camera 2020072520035841300

Manolo Viso prefería morrer, antes de non vivir o Entroido de Xinzo de Limia. Agora, onde queira que esté, vestirase de nena ou de punki e seguirá facendo a súa retranca particular, esa que amosan os que verdadeiramente entenden o espírito do carnaval limiao: esquecerse de quen un é, perder a vergoña e vivir un domingo de Corredoiro convertido noutro personaxe -sen ter a necesidade de mercarse un disfraz-.

O nome de Manolo Viso tamén quedará para sempre ligado a outra das festas máis senlleiras da vila limiá, pois formou parte do primeiro grupo de romanos que cruzou o Lethes no Esquecemento, hai 20 anos. Xinzo perdeu esta semana a un dos seus personaxes máis coñecidos e As Rémoras, o conxunto de entroideiros do que formaba parte Manolo, unha peza fundamental. "Fomos os primeiros en cruzar o río. Daquela nin se limpaba, agora xa unha semana antes de que sexa a festa xa se fai", recorda Manuel Fernández, O Rato, como anécdota. Este entroideiro, amigo de Viso, conta que nos últimos tempos e dado que os anos xa non perdonaban, prefería poñerse nalgún recuncho e facer o Entroido pola súa conta. "É certo que non estaba xa para moitos trotes, pero era un grandísimo entroidista. Sempre dixo que se non se podía disfrazar no Entroido que era mellor morrer", asegura O Rato. "El poñía os seus detalles, que eran moi bos. Era unha gran persoa, faláballe a todo o mundo e era querido por todos os veciños", engade. 

Manolo Viso traballou en Iberdrola e viviu nos Peares. A primeira vez que visitou o Entroido de Xinzo, onde se instalaría posteriormente -en Baronzás- pagou a novatada: "Estabamos vestidos de policías municipais e parámolo, que viña en coche. Non o coñecíamos e mandámoslle dar toda a volta. Fíxonos caso e chegou ata Baronzás", recorda Manolo Rato, entre risas. "Despois xa quedou na nosa pandilla", engade. 

Non se sabe, a día de hoxe, de que xeito se celebrará o Entroido de Xinzo por mor da situación derivada do covid. O que si saben As Rémoras é que "unha saida haberá que facerlle" e seguramente terán a Manolo ou Manolito Viso, como o coñecen os veciños da vila limiá, estará moi presente, sobre todo, ao lembrar as anécdotas vividas con el. "Manolo Viso vivía moito o Entroido. Recordo que un ano fomos coa carroza ata Baronzás, onde estaba el a comer os callos. Fíxate que levamos o Entroido ata Baronzás", conta José Carrera, O Pucho, entroideiro das Rémoras e un dos pulpeiros máis coñecidos da provincia de Ourense. "Os días favoritos sempre son os domingos. Para Manolo tamén. El collía un personaxe e estaba con el da mañá ata a noite. Esa é a esencia do carnaval", engade. 

Precisamente, Suso Fariñas, da Asociación A Pantalla, lembra a Manolo Doviso con especial agarimo, pero, sobre todo, destaca o seu legado e a importancia de persoas coma el para perpetuar o verdadeiro espírito do Entroido. "Era un deses personaxes dos que poucos quedan. Collía un papel e o interpretaba, se era de nena pois de nena, ou de portugués, ou de 'perrofrauta'. Podía estar catro ou cinco horas no mesmo sitio interpretando. Era un titiriteiro e xente coma el dáballe sentido ao que é o noso Entroido, o que nos trouxo ata aquí", afirmou Fariñas. "Non todo o mundo ten esa capacidade, nin pode ser actor", engade. 

Fariñas asegura que o sentimento polo Entroido de Xinzo non se aprende, senon que se hereda e, por este motivo, ter presentes a personaxes coma Manolo "é importantísimo". 

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, quixo sumarse ao recordo ao gran entroideiro. "Manolo Viso será recordado pola veciñanza de Xinzo como unha persoa afable, divertida, amigo dos amigos e das festas, xa fora Entroido, o Esquecemento, ou calquera outro evento nos que participou activamente", afirmou. " Gardo para min moitas fotos das súas andanzas, como de seguro que moitos veciños, veciñas e tamén visitantes que o retrataban en cada cita festeira. Pero tamén gardo uns magníficos libros sobre setas con espléndidas fotografías, casi tan boas como as que nos quedan dos seus innumerables disfraces e actuacións no Entroido. Manolo podía estar o día enteiro apostado no mesmo lugar metido de cheo no papel, porque sabía escenificar ben o sentimento", engade. 

Manolito Viso, que foi tamén pedáneo de Baronzás, non estará no vindeiro Entroido, pero os seus personaxes manterán viva a verdadeira esencia da festividade limiá.

Te puede interesar