Escolares e edís plantaron árbores no centro de Baltar

O grupo de escolares que participou na iniciativa xunto aos mestres e representantes municipais.
photo_camera O grupo de escolares que participou na iniciativa xunto aos mestres e representantes municipais.

Unha vintena de alumnos do colexio público de Baltar participou nunha iniciativa promovida dende o Concello para plantar exemplares arbóreos autóctonos no centro do municipio aproveitando a finalización de varias obras de humanización e mellora do centro. 

Escolares, mestres e concelleiros da Corporación plantaron catro carballos que acadarán os catro metros de altura e que, segundo sinalou o rexedor local, José Antonio Feijóo, "representan a máxima tradición da nosa terra". Por outra banda, e segundo subliñou o primeiro edil de Baltar, tamén se procedeu a completar con "outras especies axeitadas" a travesía que dá acceso a Calvos de Randín e ao país veciño, Portugal. "Podemos dicir que dende o núcleo de Tixós son xa máis de 50 exemplares de diferentes clases", asegurou o rexedor popular, quen agradeceu a participación dos nenos, así como dos profesores do centro de ensino, dende onde o pasado ano se promoveu, xunto á comunidade de montes, outra actividade de reforestación con árbores.

Te puede interesar