Entrevista

Iván Prado: “O Esquecemento debe ser unha festa municipal, non só da asociación"

Iván Prado, presidente da Asociación Civitas Limicorum. (Foto: Miguel Ángel)
photo_camera Iván Prado, presidente da Asociación Civitas Limicorum. (Foto: Miguel Ángel)
Os socios da agrupación Civitas Limicorum veñen de escoller ao presidente que xestionará a Festa do Esquecemento

Os máis de 400 socios que integran a agrupación Civitas Limicorum veñen de escoller ao presidente que xestionará a Festa do Esquecemento -que se celebrará este ano durante o terceiro fin de semana de agosto- os vindeiros tres años. Por primeira vez, a elección realizouse mediante voto segredo, e as dúas candidaturas presentadas quedaron a unha distancia de tan só sete votos. Iván Prado, xestor cultural de Xinzo de Limia, foi a opción máis votada. 

Por que se decidiu este ano realizar un proceso participativo  con voto segredo?

Penso que en Xinzo, a nivel asociativo, é a primeira vez que se elixe a un representante deste xeito. Había dúas candidaturas e é algo case obligatorio facelo así segundo os estatutos. 

De que xeito encara esta nova etapa de traballo?

Temos a creencia de que cada ano ten que ser distinto ao anterior. Hai que seguir unha liña de traballo, que xa a marca directamente a festa, pero é preciso reinventarse. Tamen temos en mente outros obxectivos como acadar, dunha vez por todas, que o Esquecemento sexa declarado Festa de Interese Turístico Galego. Xa temos os anos suficientes, como evento, para poder solicitalo. Do mesmo xeito, queremos que sexa a segunda festividade máis importante de Xinzo, xa que superar ao Entroido é imposible. Pretendemos que o Concello asine con nós un convenio no que se poñan as cartas enriba da mesa. 

Perciben que o Concello e os veciños non senten a festa como un evento transcendente e seu?

Si que é apoiada. Os últimos concelleiros responsables de Cultura, tanto Carlos Gómez, como Ramiro Rodríguez, sempre se portaron moi ben connosco, pero pensamos que o dito apoio non é suficiente para o que conseguimos con todas as actividades que levamos a cabo durante o Esquecemento. Debería ser unha festa municipal, non só da Asociación Civitas Limicorum. 

De que xeito pode o Concello facer súa a Festa do Esquecemento?

Unha das maneiras sempre será a económica. Pensamos que o Concello debería involucrarse moito máis neste senso. Mollarse. Outra cousa que temos que conseguir é que dende a administración local se nos aporte toda a infraestrutura posible ou nos axuden a nivel tramitación e para poder acceder a máis axudas doutras entidades.  Nós non somos un cargo institucional e non imos a ser tan escoitados como un concelleiro ou un alcalde. 

Que aporta o Esquecemento a Xinzo?

Pretendemos facer un estudo sobre o impacto da festividade en Xinzo. A grandes trazos, sabemos que a hostalería local saca o mesmo beneficio que nas fins de semana previas aos días centrais do Entroido. Nós somos incapaces de estar media hora sen ningunha actividade dende que dá comezo a festa. Do total que se gasta, un 70 por cento vai destinado a facer actividades polas rúas. 

Segue a ser o cabalo de batalla da festa o feito de que a cidadanía non a perciba coma súa?

Eu penso que está aumentando o gusto pola festa. En comparación con outras edicións, as últimas teñen sido moi boas a nivel cultural, de participación e de investimento económico.

Te puede interesar