Expertos en Criminoloxía impartirán clases en Xinzo

Forman parte de "Camiños de coñecemento e experiencia", xornadas universitarias gratuítas

Os "Camiños de coñecemento e experiencia" chegarán a Xinzo o vindeiro sábado, día 10 de abril, para formar a maiores de 50 anos durante tres días que se repartirán ao longo do mes de abril. 

As clases, promovidas dende a Universidade de Santiago de Compostela en horario de 09,00 horas a 14,00 horas e de 15,30 horas a 20,30 horas,  serán na Casa da Cultura da vila e contarán coa participación de expertos en Criminoloxía ou na prevención de enfermidades infecciosas. 

A primeira das tres xornadas terá un carácter máis local, pois celebrarase un seminario sobre o patrimonio cultural de Xinzo de Limia e da comarca que incluirá unha visita guiada á Pedra Alta de Antela e aos Miliarios de Vilariño das Poldras. Carolina Casal Chico, doutora en arte medieval pola Universidade de Santiago, será a encargada de achegar os tesouros culturais da Limia aos asistentes a ditas xornadas.

Por outra banda, a xornada programada para o día 17 de abril xirará en torno á Criminoloxía e á Política Criminal. A formación incluirá unha sesión práctica para a resolución de casos e unha análise de pegadas dactilares da man da experta Ana Moure Soengas, graduada en Ciencias Políticas e Criminoloxía.

A última sesión da programación está prevista para o 24 de abril e nela falarase sobre as medidas preventivas fronte ao contaxio de enfermidades. Neste caso, poderán participar os asistentes cun debate. Sergio Cinza Sanjurjo, médico de Atención Primaria, dirixirá o encontro.

Segundo informaron dende o Concello, as inscricións a este curso serán gratuítas e terán que formalizarse a través do correo electrónico [email protected] ou mediante WhatsApp no número de teléfono 600 314 155.

Te puede interesar